Nacido en Ferrol en 1897 e emigrado a América de moi novo, tivo que traballar nos máis diversos oficios: pitcher de béisbol, piloto de carreiras, boxeador, toureiro, policia secreta... até atopar a súa gran vocación: o cine. Falamos de Juan Orol, un dos grandes descoñecidos do cinema galego, pero moi famoso en México por ser "o rei do churro", tanto pola cantidade como pola calidade das ducias de películas que fixo durante máis de 50 anos. Agora a produtora ourensá Directo Producciones proxecta un documental sobre a súa figura, pero tamén un biopic de ficción en coprodución co país mexicano.
"Mujeres sin alma", "Madre Querida", "Los Misterios del Hampa", "Pasiones Tormentosas", "Gángsters contra charros", "El sindicato del crimen-la antesala de la muerte", "Plazos Traicioneros", "Pasiones Infernales", ou "El Fantástico mundo de los Hippies", son algunhas das películas que abarrotaban os cines de México onde o público vía como Orol protagonizaba escapes inverosímiles, atracaba bancos, metralleta en man ou conquistaba chamaquitas ás que lles prometía amor eterno.
Non en balde casou até cinco veces coas musas das súas películas, ás que lles levaba 30 ou 40 anos máis. Para moitos é un "Ed Wood Latino" polo estilo tan absolutamente delirante de concibir o cine. Atribúenselle tamén outros alcumes como "O Rei do Churro", ou "O surrealista involuntario". Só, retirado do cine, e en quebra económica Juan Orol morreu en 1988 en Cidade de México.
A súa biografia, igualmente delirante, vai ser levada á pantalla pola produtora Directo Producciones con dous proxectos. O primeiro é un documental codirixido por Xosé Antón Moure e Marce Magán, que é tamén produtor executivo. Paralelamente a produtora prepara unha película de ficción, titulada "O Rei do Churro", que será a primeira longametraxe do director mexicano Sebastián del Amo. Trátase dunha coprodución coa mexicana Celuloide Films, e Directo Producciones xa anuncia que contará entre outros no elenco con Diego Luna, Alejandra Prado e Bruno Bichir no papel de Juan Orol. A rodaxe prevese que comece o próximo verán en escenarios de México e de Galiza.