No mundo dos dereitos de autor, todo se derrumba; nos días pasados, Blockbuster, o xigante estadounidense de videoclubes anunciaba o peche das súas tendas en España debido ás perdas causadas pola piratería; noutro extremo do planeta, a xaponesa Sony anunciaba tamén un retraso de tres meses –con posíbles millóns de dólares en perdas- na saída ao mercado da Play Station 3, por mor da implantación dun sistema anticopia máis potente do proxectado inicialmente na agardada videoconsola.
Todo o imperio dos dereitos de autor en perigo!… todo?
Non!, nunha das provincias occidentais da vella Europa, en Hispania, uns cruzados logran resistir teimudamente aos piratas.
Quen son estes benéficos heroes?
Pois a Sociedade Xeral de Autores e Editores, a SGAE. Esta loable organización -sen ánimo de lucro segundo os seus estatutos!- de 107 anos de existencia, conta con 485 empregados e numerosos profisionais a soldo para defender os dereitos dos seus 80.000 afiliados, aínda que só uns 6.000 reciban máis de 2.000 euros ao ano e por tanto teñan dereito a voto. A SGAE adícase a loitar contra o mal, combatendo o top manta, coa satisfacción de heterodoxos -en ámbitos non pecuniarios- cantantes como Sabina, aplicar o canon de copia a todos os produtos posíbeis (CDs e DVDs de todo tipo), e querelándose incluso contra os sibaritas de Apple polo seu innovador iPod!.
O esforzo está dando resultado. No ano 2005, tras dez anos de continuos aumentos, superaron xa os 300 millóns de euros, recadados por procedementos tan sinxelos como ingresar 11 céntimos de euros por cada melodía descargada para móbil. Aquí sí que non hai escape, e a SGAE non se queixa, e moito menos no recadado polos denominados ring-back (para os neófitos, a melodía que sustitúe ao sinal de chamada convencional), que está tendo un crecemento espectacular, superando xa aos ingresos por venda de discos.
…Pero estanse pasando. É certo que o cambio dos hábitos de consumo musical electrónico e a xeneralización das tecnoloxías permite prácticas domésticas que fixeron diminuir os ingresos de músicos, discográficas, produtoras de cine, etc. Pero a aplicación da Lei de Propiedade Intelectual que tanto invocan, non debe facer esquecer uns mínimos principios éticos que calquer entidade debe respetar.
Así, Javier Vidal, representante da SGAE en Galicia, xa se gababa nun xornal coruñés a principios deste ano de facer pasar pola pedra ao 90% das comisións de festas galegas, esa institución popular merecente doutras atencións.
Pero están ampliando o seu radio de acción. O mundo das ONG de acción humanitaria está empezando a sufrir o acoso dos axentes da SGAE. Que llo pregunten ás compañeiras de Implicadas No Desenvolvemento, ou á xente de Terra de Homes, que recibiron "atentas visitas" en festivais ou actos solidarios. E o mesmo noutras partes do Estado.
Fronte a isto, a denuncia pública debe ser o camiño a seguir. Se no ano 1998 o furacán Mitch asolou Centroamérica, tamén provocou unha enxurrada de solidariedade dos españois cara ás ONG. Pero a ocasión foi aproveitada por bancos e caixas de aforros para gañar cartos coas comisións sobre os case 25.000 milóns de pesetas da época doados ás ONG mediante transferencias… até que as denuncias públicas fixeron recuar a varias entidades, que modificaron as súas inmorais prácticas.
Pois o mesmo debemos facer agora: por moito que a SGAE asegure que non pode facer deixación das súas funcións, o exemplo do sucedido en Segovia demostra que a denuncia pública lles fai non ser tan soberbios. En xaneiro deste ano, a SGAE decideu devolver os 518 euros que fixera pagar, tras unha denuncia no ano 2003, á compañía de teatro Taller Cultural de Fuentepelayo (Segovia), unha organización formada por nenos discapacitados.
Que miserables!. Aínda que a SGAE asegurou que o proceso foi froito dun erro, a crenza xeral é que a marcha atrás foi debida unicamente ás denuncias lanzadas na prensa, incluindo blogs e páxinas de internet.
Polo tanto, mentras agardamos que os políticos –aí debemos incidir- modifiquen a lexislación e se permite unha solidariedade libre de comisións ou puñaladas trapeiras, alcemos a voz – unha vez máis- e proclamemos: basta, SGAE!