Xabier Zumalde e Teo Uriarte pertenceron á ETA, deixárono case ao mesmo tempo e viviron despois segundo dúas das tópicas institucionais máis comúns na esquerda abertzale: o ensimismamento e a conversión. Mentres Zumalde tentou reciclarse traballando para o Goberno vasco, Uriarte rematou sendo a man dereita de Redondo Terreros naquel PSE que avalou durante anos a estratexia de Mayor Oreja en Euscadi. Zumalde -un personaxe no seu país- láiase da ficción que supón "calquera intento de insurrección política", e opina que a tregua é unha "consecuencia do desgaste da ETA". Mentres, Uriarte, un histórico do Proceso de Burgos que quixo convencer a Txomin para que abandonase a loita armada, afirma que calquera tregua, permanente ou non, pasa "pola derrota da ETA".
Zumalde, xubilado de 67 anos, alias O Cabra, abandonou a ETA en 1976, ao saír do cárcere tras a primeira amnistía. Agora maniféstase "desenganado" da política. "Isto vaise solucionar por desgaste, o problema serán os numerosos intereses estatais creados arredor da ETA". Teo Uriarte deixouno en 1977 e participou, desde Euskadiko Ezkerra, nas conversacións cos polis-milis. En 1989 pasouse ao PSE, chegando a ser asesor de Nicolás Redondo Terreros "até que nos desmacelaron". Agora é xerente da Fundación pola Libertade que preside o fillo do sindicalista da UXT. "O último sería agradecerlles a tregua en forma de réditos políticos", di.
Xabier Zumalde: "A ETA ficou sen ideoloxía e sen líderes. Tal e como está o conto agora mesmo, todo é un pouco folclórico, porque non queda ninguén disposto a botarse ao monte. O pobo pasa de todo, e a patria, como é sabido, é un concepto inventado pola burguesía. Máis que abertzale, eu agora mesmo diría que son rebelde".
Teo Uriarte: "Cren que un programa político sen mortes lles outorgará máis lexitimidade, pero o comunicado está moi medido; intentan recuperar o protagonismo político que ETA e Batasuna perderan tras a folga xeral e o posíbel encarceramento de Otegi. O mellor é derrotar á ETA, o segundo mellor que desapareza por inanición e o último, que lle agradezamos a tregua en forma de réditos políticos".