Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA CONCORRER ÁS MUNICIPAIS DE 2008

O Bloque asesorará os mapuches na creación dun partido indixenista en Chile

O representante de Wallmapuwen -Compatriotas do País Mapuche-, Víctor Naguil, está de visita en Galiza para recoller "a experiencia política do BNG" con vistas a deseñar unha estratexia política de poder. O protocolo asinado hoxe en Compostela entre o Bloque e Wallmapuwen pretende abrir un diálogo proveitoso entre os nacionalistas galegos e os mapuches, o pobo indíxena máis numeroso de Chile, na súa pretensión de formar cadros para concorrer ás eleccións municipais de 2008. Ana Miranda, portavoz do BNG no Parlamento Europeo e responsábel da Comisión de Emigración, remarcou "a oportunidade" que supón para os mapuches a victoria de Bachelet en Chile, e anunciou que Naguil se reuniría cos responsábeis políticos do Bloque nas diferentes consellarías.

- 08:39 16/03/2006
Tags:

O Wallmapu comprende a novena región da Araucanía, onde o 23,5% da poboación pertence a esta etnia, comunas adxacentes da oitava rexión do Bío-Bío e a décima rexión dos Lagos, 400 quilómetros ao sur da capital. Miranda lembrou que a poboación mapuche suma 600.000 persoas sobre os 15 millóns totais de Chile, cuns elevados marcadores de pobreza e marxinalidade.

A pretensión dos mapuches, en palabras de Naguil, é que Wallmapuwen acabe sendo un partido político que contribúa a "afortalar a nosa identidade nacional". Os mapuches conciben a súa situación coma unha cuestión nacional antes ca unha cuestión indíxena labrega, froito dunha situación colonial global aberta desde finais do século XIX coa invasión dos seus territorios por parte de Chile e Arxentina. O movemento mapuche contemporáneo xurdiu hai case un século e agora marcouse o obxectivo dunha "estratexia política de poder".

Wallmapuwen pretende reconstituír o país mapuche "baixo a forma dunha entidade político-administrativa rexida por un estatuto de autonomía territorial que consagre os dereitos da nosa poboación orixinaria e incorpore o mapunzugun como lingua oficial".


0/5 (0 votos)