Imos sabendo dos novos blogs dos galegos que viven en Cataluña, confirmando o que xa se pensaba, que existe unha descoñecida parroquia virtual. Porque o principal problema destes blogs é que case nunca sabemos que existen. Por riba o galego non se recoñece como lingua nos buscadores dos blogs. Desde Vieiros:Barcelona queremos dar a coñecer os blogs dos galegos dos Países Cataláns, pero para iso é precisamos a vosa colaboración e que enviedes os enderezos destes blogs. Para comezar, aquí dámos a coñecer uns cantos.
As Garotas da Ribeira
Temáticas: creación musical, informacións do grupo.
Blog da Sofía e a Paola, as compoñentes do grupo de hiphop As Garotas da Ribeira. Alí se recollen as súas letras, fotos, avisos de actuacións, treitos das súas viaxes e algunhas recomendacións. Abriuse en novembro de 2005.
Punto de fuga. Poesía para desaparecer
Temática: creación poética
Blog da poeta Raida Rodríguez Mosquera no que podes ler os seus poemas con ilustracións.
Ergac
Temáticas: actualidade, informacións da radio galega en Cataluña
Blog de Ergac, a asociación dos espazos radiofónicos galegos en Cataluña, que recolle novas, as viñetas de Xosé Manuel. Alí aparece tamén a información sobre os programas de Ergac, sobre A Micro Pechado, actividades da asociación e recomendacións culturais e cívicas. Abriuse en outubro de 2005.
Palabras de Amauta
Temáticas: nación, sociolingüística.
Blog de Amauta Castro feito desde Girona que se abriu en febreiro de 2006. Amauta significa "guía" en quichua.