"Non houbo dolo, senón un acto de guerra en contra dun inimigo erroneamente identificado". A esa sentencia queda reducida a investigación do asasinato de Xosé Couso en Bagdad, acontecido logo de que un tanque estadounidense disparase contra o hotel onde estaba aloxada a prensa na capital iraquí. Deste xeito, a xustiza española pecha o caso poucos días despois de que o propio xuíz que o levaba, Santiago Pedraz, lle pedise ao goberno que reclamase diante do departamento de Xustiza dos EUA polos obstáculos á investigación.
Así e segundo vén de comunicar a Sala do Penal da Audiencia Nacional, péchase o caso co arquivo das dilixencias abertas pola morte do cámara galego en Iraq, malia que o propio xuíz que o instruía, manifestara a súa vontade de seguir adiante co proceso e viña de solicitarlle ao ministerio de Xustiza que lle pedise explicacións á administración estadounidense polo rexeitamento da petición de interrogatorio aos tres soldados dos EUA implicados no suceso daquel 8 de abril de 2003.
O xuíz informáralle xa á Subdirección Xeral de Cooperación Xurídica Internacional de que as solicitudes realizadas pola xustiza española en abril de 2004 e xuño de 2005 "non foron satisfactoriamente executadas polas autoridades estadounidenses", incumprindo así o establecido nos tratados bilaterais asinados entre o Estado español e os Estados Unidos de América. Ao fío, o xuíz precisaba que a admnistración dos EUA non argumentara sequera "ningunha das únicas causas válidas establecidas no tratado de asistencia xudicial bilateral de 1990".
Pedraz pedía non só que se accedese ao interrogatorio dos soldados implicados, senón tamén que se puxesen a disposición do goberno español "as averiguacións e conclusións do Mando Central dos EUA".