Coa unanimidade de todos os grupos políticos dos concellos polos que pasa a vía, con maioría de gobernos do PPdeG, e co apoio de numerosos colectivos sociais, relánzase a campaña de presión para a redución das elevadas peaxes deben pagar os usuarios da autoestrada que deica agora une Santiago con Lalín. Coma parte da protesta, a praza da Igrexa, en Lalín, acollerá unha caixa para depositar doazóns para mercarlle un traxe confeccionado na vila e enviarllo a Magdalena Álvarez, ministra de Fomento, n resposta ao "desprezo" por non ter recibido á comisión.
A comisión, que se activou logo do cambio de goberno en Madrid e reactivouse á volta da cita electoral autonómica, pediralle agora cita a todos os grupos parlamentarios galegos e ao delegado do goberno en Galiza, Manuel Ameixeiras. Coma parte da campaña para a redución da peaxe, estanse colocando pancartas reivindicativas nos pasos elevados da estrada.
A Audiencia Nacional trasladoulle xa ao avogado do Estado a demanda interposta polo goberno municipal de Lalín fronte ao ministerio en denuncia do cobro que esta peaxe fai de kilómetros non percorridos polos vehículos que circulan pola vía. En vinte días debera haber unha resposta. Ao tempo, e de non teren resposta por parte da delegación do goberno, promoverán unha concentración diante da sede da institución, na Coruña.