Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTRE AS NOVIDADES, UN MERCADO DE CURTAS E CURSOS DE FORMACIÓN NO AUDIOVISUAL

Curtocircuíto 2006 admitirá documentais e 'micromovies'

O terceiro Curtocircuíto celebrarase en Santiago do 17 ao 21 de outubro, pero as súas actividades desenvolveranse durante cinco meses co Proxecto Compostela Plató, un concurso de guións que premiará ao gañador coa rodaxe, prevista para comezos do verán. Ademais, proxectaranse curtas todos os xoves de xullo, agosto e setembro. Ábrese unha sección nova, as Micromovies, historias de ficción que non superen os 30 segundos, susceptibeis de se emitiren en calquera soporte. Créase tamén un mercado de curtas que funcionará como arquivo, videoteca e axencia de compra-venda, e desenvolveranse actividades de formación no eido do audiovisual.

- 17:11 07/03/2006
Tags:

Neste Curtocircuíto 2006 "acugulado de novidades", como din os organizadores, haberá sitio para os documentais na sección oficial, ademais das categorías habituais de ficción, animación e videocreación. As mellores curtas poderanse ver do 17 ao 21 de outubro. Dentro do Proxecto Compostela Plató, o guión premiado rodarase entre o 5 e o 11 de xuño. A estrea será o 21, durante a entrega de premios do festival.

Dentro da sección non oficial, esíxeselle ás micromovies unha palabra chave: "camiño". As pezas seleccionadas proxectaranse tamén o 21 de outubro. No apartado Non te curtes, os participantes poderán gravar libremente as imaxes que desexen editar despois. Avid porá á súa disposición equipos e asesores. O Curtocircuíto na rúa terá lugar todos os xoves desde o 20 de xullo ao 28 de setembro, con proxeccións nas prazas de Compostela.

O ano pasado competiron na sección oficial 64 curtametraxes, de entre as máis de 300 chegadas de Europa, Asia e América. Ás proxeccións, que tiñan lugar no Teatro Principal e na Chocolataría, asistiron máis de 5.000 persoas. A idea dos organizadores segue sendo converter o Curtocircuíto compostelán "nunha refererencia internacional".


0/5 (0 votos)