"Queirámolo ou non esta é unha despedida". Así llo advertía aos correlixionarios presentes Manuel Fraga no inicio do seu discurso de adeus este sábado 25 en Silleda. Líderes do partido a todos os niveis competiran antes en afagos co político de Vilalba sentado en primeira fila: "Todo naceu con Fraga", "Fraga é o pai de Galiza", "o político máis trascendental de Europa", "Querémoste"... Non escatimaron en adulacións os oradores. O sucesor, Alberte Núñez Feijoo, aproveitaba para darlle un aviso ao coordinador do PP no Senado, presente tamén na festa, "prepárate para o que che vai".
"O home é un animal político". Escolleu Manuel Fraga unha cita de Aristóteles para abrir unha reflexión con evocacións da fin dun ciclo político, subliñando que "queirámolo ou non esta é unha despedida".
Acórdanse da revista Bravú, aquela que saía á rúa cando a situación "o require"? Velaí a bravuística definición que Manuel Fraga fixo do partido que fundou: "un partido que naceu cando a situación o requiría". Na súa despedida oficial, hai semanas e no congreso onde o partido escolleu o novo líder para os novos tempos, Fraga fixéralle á militancia unha paradoxal petición ao reclamarlles aquilo de "pídovos que esquezades os meus erros". Condenado ao plano secundario, desde hai meses e co seu sucesor louvando publicamente que don Manuel lle deixase facer e desfacer neste proceso de relevo sen imposicións nin recomendas, a Fraga fíxoselle pouco o tempo para facer repaso de avisos, consellos e advertencias. "Derrubáronse moitos dos valores tradicionais", laiouse, capaz de mesturar en pouco máis dun parágrafo a "crise profunda da familia", o "choque de civilizacións", o "consumo de drogas" ou o "problema da inmigración" e o de que "non somos capaces de producir bastantes cidadáns".
Así, e un chisco descoordenado no fío de ideas, Fraga recuperou no seu discurso admonicións nas que xa se pronunciara na pasada campaña, e asegurando que decidiu entrar en política logo de presenciar a Guerra Civil chamou a traballar "para que iso non volva ocurrir" e criticou aos que "queren revisar a memoria histórica". "O único vencedor ten que ser a lei", referiuse a conto dun hipotético proceso de paz en Euscadi.
O inverno "popular"
Medio cento de buses e bastantes máis vehículos deixaran ás portas do recinto feiral aos cinco milleiros de simpatizantes do fraguismo que se achegaron ao recinto feiral de Silleda para despedir a Manuel Fraga antes da súa marcha a Madrid para sentar no Senado. Non foi problema para a engraxada maquinaria popular, con longa tradición en armar macromerendas, poñerlle caldeirada a encher para os presentes, desta volta cunha asistencia por baixo dos números que o partido movía nos grandes actos cando quentaban as temperaturas do poder.
Para animar o inverno popular este febreiro en Silleda, os organizadores mesmo levaran para a megafonía oficial ao locutor que fora das televisivas entroidadas do Supermartes. Así e todo, animador protagonista a pé de micrófono destacouse Xosé Luís Baltar. Rendéndolle culto ao home que desafiara hai poucos meses e que este sábado cualificou de "político máis trascendental de Galiza e Europa", pechou o seu turno case afónico agradecéndolle a don Manuel "a débeda de gratitude con Ourense".
"Veña mozos, hai que moverse!", estimuláralle xa no contorno do recinto un encendido Baltar a uns conveciños antes do comezo do acto. Protagonista dos disgustos internos máis importantes para a era final do PPdeG fraguiano, o presidente do PP ourensán deu mostra unha vez máis do poder do baltarismo, contribuíndo a encher as bancadas cun auditorio que, pola súa elevada media de idade, non desentonaba na homenaxe ao octoxenario líder. Neste contexto, e alén dos comprometidos membros das Novas Xeracións do PPdeG da organización, a escasa xuventude no lugar tiña apenas espazo no escenario mitineiro a onde foron levados para decorar as intervencións dos líderes. Soaba o Airiños Aires e agardando polos líderes, fontaneiros do partido analizaban estratexia para o PPdeG dos meses que veñen: "o que hai é que dar leña".
A autoreivindicación de Aznar
Tamén coa maña oratoria menos adestrada se lle notou ao José María Aznar deste sábado en Silleda, onde lle agradeceu a Fraga que construíse un proxecto "onde caben con comodidade a dereita e o centro español". Lembrando que estaba de aniversario, ese mesmo día, cumpría 53 anos, Aznar aparcou as louvanzas fraguianas e sentiu que tiña licencia para falar doutros asuntos e levar a primeiro plano un discurso máis persoal que en momentos mesmo parecía insinuar que o homenaxeado era el mesmo, na súa primeira visita a Galiza desde que deixou o liderado do PP. Cargou contra "os furacáns de mentiras que tentaron levar ao PP á avergonzarse de si mesmo", laiouse de que tentaran "sacarnos da pista, literalmente" e fixo lembrar os tempos da súa propia sucesión, cando se especulaba cunha viraxe á moderación a coller Mariano Rajoy o temón do partido, explicitando a súa longamente denunciada sombra: "que tivera pasado se Rajoy aceptase daquela a presión para calar o PP?", preguntoulle-advertiulle ao auditorio Aznar.
Gabando a súa propia etapa na Moncloa, "oito anos onde os españois souberon que gobernar é construír e non destruír", o ex presidente do goberno español dixo ver que "algúns queren aquí a mesma antipatía cara a España que hai noutros lugares". E paradoxal afago final para Manuel Fraga que á fin, converteu en arrogante afirmación ao darlle as grazas ao de Vilalba por "darme alento para inventar e construír o centro reformista".
O epitafio político das louvanzas
"Dicir Fraga é dicir Galiza, porque vostede é o verdadeiro pai da Galiza do século XXI", adicoulle o presidente do PP pontevedrés, Rafael Louzán. "A súa obra seguirá aquí" e "prégolle a deus que siga iluminando o seu camiño", voceiraba o presidente do PP lugués, Xosé Manuel Barreiro. "Vostede é irrepetíbel, o número un", aseguráballe Juan Juncal, líder do PP coruñés, "o protagonista máis importante da Galiza do último século". "O noso fundador, guía e mestre", subliñaba a representante de Novas Xeracións, María Seoane. "Só na actividade desexarás vivir cen anos", tiraba de proverbio xaponés o alcalde local, Xosé Vieites, "colocounos no futuro". "Vostede alimentou as nosas necesidades e o noso espírito", berrou o deputado representante da emigración, Castelao Bragaña. "Fronte ao don superior doutro non queda máis remedio que o amor", topou cita en Goethe o alcalde de Madrid, Alberto Ruíz Gallardón. No increscendo popular e en plena competición de eloxios, subiu a eurodeputada Loyola de Palacio para dicir "querémoste don Manuel, porque ti queres á xente". "Nada do humano che é alleo", adicoulle Loyola ao que rebautizou "ciclón Fraga". "Leva un estado na cabeza e un país no corazón", subliñou Alberte Núñez Feijoo. O relevo de Fraga á fronte do PPdeG confesou que o de Vilalba lle agradecera que entre os convidados estivese Pío García Escudero, xefe do grupo do PP no Senado, "é o meu novo xefe", revelou que lle dixera don Manuel... "Pío, prepárate para o que che vai", avisoulle Feijoo.