A ocasión foi a entrega do III Premio Ramón Piñeiro de Ensaio Breve, da que se fixera acreedor Manuel Forcadela por Diálogos na néboa. Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra, a súa obra sobre as contradicións que debe ventear Cunqueiro na súa relación con Ramón Piñeiro. Na xunta da comisión reitora, onde Ramón Máiz substituíu oficialmente ao falecido Agustín Sixto Seco, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que a Xunta "estudiará e analizará" cómo artellar a institución para "mellorar a súa eficiencia".
Os 16 proxectos en marcha do Centro Ramón Piñeiro xunguen investigación en humanidades e novas tecnoloxías; inclúen a reedición d´A gaita gallega (A Habana, 1885-1889) e a publicación da obra narrativa en galego de Manuel Lugrís, co gallo do Día das Letras Galegas. Coincidindo coa entrega do premio a Forcadela, Ramón Máiz incorporouse á comisión reitora en substitución do falecido Agustín Sixto Seco.
O catálogo do Ramón Piñeiro conta xa con 112 títulos, dez publicados o ano pasado, segundo o relatorio do coordinador científico, Manuel González. De todas as obras editadas existe información no servidor do centro.
Na xuntanza presentouse tamén o plan anual para o 2006. Está previsto continuar os 16 proxectos de investigación en marcha, que abordan diversos temas: bibliografía da literatura galega, Corpus de Referencia do Galego Actual, Etiquetador e Lematizador do Galego Actual, Conversor Texto-Voz para o galego, Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, Bibliografía Informatizada da Lingüística Galega, dicionario bilingüe italiano-galego e galego-italiano en formato electrónico son só algúns dos 16 proxectos abertos. Neles traballan 35 bolseiros de colaboración e 11 bolseiros de estadías, ademais de 23 colaboradores externos.
Manuel Forcadela expresou a súa satisfacción polo premio e celebrou "que este novo país ao que nos asomamos nos inicios do século XXI vaia encontrando un lugar de dignificación e apoio para a crítica da súa propia cultura".