Catro persoas resultaron mortas nun tiroteo da policía, que trataba de conter os participantes nunha manifestación contra Dinamarca e Suecia na cidade afgá de Mihtarlam, segundo informa a BBC. En Somalia, outra persoa morreu e cinco resultaron feridas cando a policía reprimiu hoxe a centos de musulmáns que se manifestaban en Putlandia, no oeste do país. Na capital libanesa Beirut atopouse o cadáver dun neno dentro do edificio do consulado dinamarqués incendiado onte. Houbo manifestacións diante dos consulados europeos -sobre todo daneses- nas principais cidades de Indonesia, en Afganistán, Tailandia, Iraq e Palestina, pero as do luns foron as primeiras vítimas mortais da violencia desatada polas protestas, en varios países musulmáns, contra a publicación de caricaturas de Mafomede no xornal dinamarqués Jyllands-Posten.
O rebumbio saldárase esta fin de semana co incendio de varias embaixadas daquel país e de Noruega en Damasco e en Beirut. O ministro libanés de Interior, Hassan Sabeh, mostrou a súa "resignación" ante os incidentes e presentou a súa dimisión polo fracaso da actuación policial durante as protestas. Pola súa parte, o ministro español de Asuntos Exteriores vén de pedirlles "precaución" e que reforcen a seguridade a todas as embaixadas, se ben afirmou que de momento ningunha recibiu ameazas.
A polémica pola publicación de caricaturas de Mafomede na prensa europea xa adquiriu trazas de conflito internacional, logo dos ataques por parte de manifestantes musulmán o sábado en Damasco -onde foron incendiadas as embaixadas de Dinamarca e de Noruega- e en Beirut este domingo, donde as forzas antidisturbios non puideron impedir que milleiros de manifestantes se concentrasen diante da embaixada dinamarquesa e ao final un grupo deles lle prendese fume. Os gobernos de Dinamarca e Noruega, así como os Estados Unidos, acusan as Siria de non facer nada para evitar os incidentes. Así mesmo, todos os países escandinavos recoméndanlles aos seus compatriotas que estean nese país que marchen del inmediatamente. Poden ampliar en Al Iasira e na BBC.