Pepe Rubianes (Vilagarcía de Arousa, 1948) chegou a Cataluña con cinco anos. Desde a adolescencia fai teatro. De compromiso e de abstracción vangardista, cunha pronunciada vis cómica, até a pura performance dos monólogos aberrantes. Máis famoso se fixo no Estado encarnando no cine a Makinavaja, o libérrimo Mack the Knife de Ramón Tossas, Ivà. A Ivà �que morreu en 1993 con preitos narrativos coa Benemérita� teríalle feito graza a actual situación de Rubianes. O actor galego é agora máis famoso ca nunca en España. Algúns chámanlle "mediocre macarra" (por Makinavaja), pero o retrouso máis repetido é "o mediocre actor que dixo 'puta España' na televisión catalá". Desconectou o teléfono para non recibir ameazas de morte ("bastantes delas en galego", recoñece), pero tómao con humor.
Vieiros: Despois de máis de trinta anos de traballo teatral, agora retrátano en moitos sitios coma "o mediocre actor que dixo puta"...
Pepe Rubianes: O que pensen de min son ben libres de pensalo. Eu non son un actor da súa onda. O que esta xente adoita facer é degradar a túa historia artística. É esa España que despreza o que ignora. Xa poden desprezar todo o que faga, que a min non me importa. Interésame a España democrática e progresista.
Vostede precisou que dicía "puta" para aludir a "esa España". A que desde hai tempo predica que o da II República non foi un goberno democrático, se comezamos polo 36...
Eu teño dereito a cagarme na miña patria ou no que queira, coma todo fillo de veciño. Hai cousas en España que me gustan e outras que non. Non teño os ollos pechados. Ou a ver que vai ser isto...
Coma recoñecido perfórmer, aberrou conscientemente ou deixouse levar?
Non había nada preparado... É tan simple que, con toda esta agresión contra Cataluña, todo o que fagan os cataláns faino o demo. E entón, pois cona, ás veces hai que dicir algo. Por que non din nada das continuas agresións contra Cataluña? Porque o goberno autonómico de Murcia está pagando unha versión do Mago de Oz onde os malos son os cataláns... Co Estatuto valenciano non pasou nada, e cando Ibarra dixo que os cataláns podían meter o Estatut no cu, tampouco. Parece que se Cataluña quere marchar, malo, e se quere ficar, tamén...
Coñecendo o actual punto regresivo da dereita española, non pensou que a súa improvisación sería malinterpretada?
Aí mesturouse todo. Eu pedinlle desculpas á España democrática e progresista, incluso á España de dereitas que non está dacordo coa agresión a Cataluña. Á que nunca lle pedirei desculpas é á España que agrede a Cataluña. Como se atacan a Galiza, poríame igual de malo... Ninguén dixo nada nunha semana, pero viron cómo botarlle o dente á televisión catalá e xa se sabe...
Por que estará tan mal visto dicir "puta España", se dicir "puta vida" é do máis normal?
É unha expresión coma outra calquera. Era unha entrevista de rexouba, e eu son un actor cómico. A min ninguén me pode pedir as responsabilidades dun político.
Cunha interpretación severa da lei, a Vidal-Quadras ou Jiménez Losantos poderíanselle aplicar medidas preventivas, non?
Eu non quero o cárcere para ninguén, nunca pediría que pechen a Cope. O que si quero é que a xente non recúe. Hai que contestarlles.
Jarry sempre dicía que unha das mellores cousas do Ubú era poder dicir "merde" apuntando á tribuna. Onde estaba vostede no 77?
En Dagoll Dagom... estabamos a facer Non falar na clase, unha reflexión sobre o ensino durante o franquismo. Alá estaban os atoutovizados aqueles dos Guerrilleros de Cristo Rey, veña a dar o pau, suspensións... Leváramola a Galiza e tivemos un éxito que te cagas en Vigo e na Coruña. Era unha época moi diferente. A libertade de expresión, a movida... Non se poden sacar de contexto cousas ditas en ton irónico, eu non son político. E todos escoitamos cousas peores sobre España e Cataluña nos bares.
É a primeira transición española o que está en xogo agora ou non será para tanto?
O tempo pasa, e uns señores que non votaron a favor da Constitución convertéronse nos seus abandeirados. Todo isto, democracia, estatuto, non lles importa. Agárranse das cortinas até botar a casa abaixo.
Non lle dá un pouco de corte saír por aí agora mesmo, co seu Lorca somos todos?
Tal e como está a cousa a día de hoxe... mais non é para tanto. Deixar que corra o aire, que non pasará nada...
Que lembra da súa primeira patria?
Levo 53 anos en Cataluña... pero lembro que Vilagarcía era un dos sitios máis bonitos de Galiza. Logo cheguei a unha cidade tesa coma un garabullo, así ao primeiro... sempre que collía o metro pensaba que era o tren que me levaba de volta. E logo fun moito para ver á familia e aos amigos. Aproveito para darlle unha grande aperta ao Kukas, as gañas que teño de velo...
Despois de tanto tempo fóra de Galiza, como ve desde Cataluña o cambio político e as nosas pretensións estatutarias?
Non haberá problema, xa verás, o obxectivo da campaña é Cataluña...
Pero sen o prace do PP galego será difícil...
Se Fraga foi dos primeiros que estivo a favor da devolución dos papeis de Salamanca... A min, por certo, Fraga Iribarne pareceume un político dentro da súa historia, pero bastante legal. Esteas ou non dacordo, que non o estou, claro, é do máis intelixente que tivo a dereita. Só agardo que a alianza PSdG-BNG supoña para todos un sopro de aire fresco...