Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MÁIS DE CEN MILLEIROS DE INTERNAUTAS DESCARGARON O XOGO NO ÚLTIMO ANO

Glest: un videoxogo con marca galega, flexíbel e de balde

Nun escenario comparábel "coa Europa prerrenacentista con engadido de que as forzas máxicas existen no contorno e poden ser controladas", desenvólvense as fantasías do Glest, xogo de estratexia en 3D que pode descargarse de balde en internet e que en 2004 foi recoñecido co premio Art Futura 2004. "O desenvolvemento de xogos a nivel comercial estase convertendo en algo cada vez menos ao alcance de estudos independentes debido os enormes custos de produción". Un dos pais do proxecto e promotor da idea, o informático galego Martiño Figueroa, en quen puxo os ollos Electronic Arts, levándoo para o Reino Unido a traballar para o xigante do videoxogo, fala para Vieiros sobre o Glest.

- 11:26 30/01/2006
Tags:

Cando e de onde xorde este proxecto?
O Glest foi un proxecto que iniciei eu individualmente como programador fará sobre uns catro ou cinco anos, cando estaba estudando Enxeñeria Informática na Coruña. Ao comezo simplemente co afán de aprender as técnicas básicas de graficos 3D, pero co paso do tempo os demais fóronse incorporando ao equipo e o proxecto converteuse nalgo máis ambicioso no que nos propuñamos facer un xogo completo.

Unha das peculiaridades é a dimensión colaborativa que propón... que os usuarios modifiquen cousas e creen material?
Nun principio o Glest era mais un sistema para facer xogos que un xogo en si, por isa razón distribuímos as ferramentas necesarias para que calquera usuario poida modificar o xogo o seu antollo. Podese facer sen programar, modificando os datos para crear novos mapas ou personaxes, ou como o proxecto e de código aberto tamen se pode modificar este código para facer cambios na mecánica do xogo en si.

Como é a resposta a esa demanda de colaboración? E que balanzo facedes de Glest, canta xente o descargou xa?
O núcleo do xogo está elaborado polo equipo do Glest, pero houbo colaboracións importantes como por exemplo a tradución a máis de 10 idiomas ou os mapas e outro tipo de material que nos mandan os usuarios. Sen dúbida a máis salientábel foi o port a Linux, que atraeu moitos usuarios desta comunidade a páxina do Glest.

En canto a acollida da comunidade, neste ultimo ano tivemos sobre 100.000 descargas do xogo, ademais o Glest foi distribuido por varias publicacións europeas do sector nos seus DVDs, algunhas con tiradas de máis de 200.000 exemplares.

Por onde vai futuro do videoxogo?
O desenvolvemento de xogos a nivel comercial estase convertendo en algo cada vez menos ao alcance de estudos independentes debido os enormes custos de produción, polo que a grande maioría do mercado está en mans dunhas poucas grandes multinacionais. Iso, e o feito de que cada vez atraen a un público maior, tradúcese en que os proxectos se desenvolven seguindo un estilo moi parecido ao das grandes producións de cine, no que a espectacularidade visual é o máis importante. Quizais nun futuro a tecnoloxía avance o suficiente e existan as ferramentas necesarias para pequenos equipos poidan outra vez desenvolver proxectos orixinais e de calidade, pero ese non é o caso a día de hoxe.

Semella que hai proxectos de videoxogos que xa nacen coma grandes superproduccións, ao xeito do cinema?
Como dixen antes, para ben ou para mal, a industria está movendo máis diñeiro cada día chegando a niveis comparabeis aos do cinema onde cada proxecto implica un enorme investimento so o alcance dos grandes estudos. Nun proxecto tipico poden chegar a traballar máis de cen persoas durante un ou dous anos habendo proxectos que contando as etapas de preproducción poden chegar a durar ata catro ou cinco anos.

En que medida o impacto da piratería lle está afectando á evolución do mundo dos videoxogos?
Ao contrario que outros sectores coma a música ou o cinema, nos que a pirateria é un fenomeno recente, os xogos levan convivindo con ela dende o comezo, polo que o impacto non é tan grande, de feito, debido a que a audiencia á que se destina é cada vez mais heteroxenea, non só composta por xente con coñecementos de informática coma no pasado, eu atreveríame a dicir que o impacto é menor hoxe. O que si que esta facendo é que os productos deriven cada vez máis cara ao mercado on-line no que a piratería e moito máis dificil.

Hai espazo en Galiza para empresas que se adiquen á industria do videoxogo?
Existe a posibilidade, xa que hai a xente coa formación necesaria, pero hai pouco espazo en xeral para os estudos pequenos e independentes, xa que non existe un mercado local coma no cinema ou na televisión. Todas as posibilidades pasarian por unha boa idea orixinal co apoio dunha grande distribuidora.

Cal é o videoxogo que vos gustaría argallar? Tedes novas ideas para o futuro?
Tivemos algunhas ideas derivadas do Glest, pero xa non lles podemos adicar gran parte do noso tempo debido a que estamos espallados traballando polo mundo adiante, polo que creo que vai ser dificil que algunha se chegue a materializar, polo menos no plano amateur.

Os "pais" do Glest son:

Martiño Figueroa estudou Enxeñeria Informática na Universidade da Coruña e actualmente esta traballando como programador para Electronic Arts no Reino Unido en proxectos de xogos para consolas.

Jose Luis Gonzalez fixo a carreira de piano e está a estudiar composición en Vigo, ademais de facer cursos de composición electroacústica en París.

Tucho Fernández Calo estudou na escola de artes Pablo Picasso na Coruña e actualmente traballa como grafista nun proxecto de xogo para PC en Tragnarion Studios en Palma de Mallorca.

Jose Zanni estudiou a carreira de programador ainda que logo chegou o 3D producindo material para televisión e proxectos propios. Actualmente esta empezando a súa propia empresa de deseño.

Felix Menéndez fai cinco anos que traballa no sector da animación 3D en diversos estudios galegos, actualmente esta a traballar en Palma de Mallorca en Tragnarion studios como animador para un videoxogo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: