Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XORNADA DEPORTIVA

O Lobelle gaña a Copa de fútbol sala

O ano pasado tentouno o Azkar lugués, sen éxito. Pero o Autos Lobelle santiagués si que conseguiu gañar o primeiro título de fútbol sala dun equipo galego, neste caso a Copa. Aos penaltis, logo de que o encontro rematase cun empate a 2, o Lobelle demostra o gran nivel deste deporte no país.

- 19:05 22/01/2006
Tags:

O Lobelle de Santiago proclamouse campión da XVII Copa de España de fútbol sala ao impoñerse ao alcalaíno Boomerang Interviú nos penaltis, logo de que os corenta minutos regulamentarios e a prórroga acabasen co 2-2 no marcador. É a primeira vez que un equipo galego consegue este torneo, despois de que hai un ano o Azkar lugués caese na mesma final contra, tamén, o Boomerang Interviu.

A primeira metade houbo unha grande igualdade entre os conxuntos, con oportunidades para ambos de abrir o marcador,e con esquemas moi defensivos. Cando estaba a piques de chegar o descanso, nun minuto frenético, o Autos Lobelleadiantouse no marcador cun disparo de Ciço tras roubo de Danieli en media pista. Nada máis sacar de centro, Andreu igualou a contenda ao culminar no segundo pau unha gran xogada colectiva. Co empate a uns chegou o descanso.

Na reanudación mantívose a mesma tónica do partido. Aos cinco minutos, Ciço, tras unha excelente combinación con Betão, converteu o 1-2. Durante un tempo os santiagueses mantiveron a vantaxe pero un xute do brasileiro Schumacher (Boomerang) ao pau foi o preludio do empate, tamén convertido por el, cun remate dentro da área. A partir de aí, os dous encontros viron a prórroga como unha saída honrosa. E logo do tempo extra, sen que variase o 2-2, chegouse ás quendas de penaltis. Cumpriron sete voltas para que Toni rexeitase o lanzamento de Andreu e Pitu convertise o tanto que lle deu ao Lobelle o seu primeiro gran título.

Venancio López, o adestrador do Lobelle, declarou que "somos dignos gañadores da Copa, merecemos o título. Foi unha gran final, sobre todo pola emoción dos penaltis, aínda que xogar a Copa neles non é o máis xusto. A clave do triunfo foi a nosa forza mental", engadiu. O Lobelle chegou ata aquí logo de eliminar algúns dos equipos con maiores orzamentos e historia, o Polaris de Cartagena, o ElPozo de Murcia e o Boomerang. "Para nós, conquistar a Copa é un fito histórico que demostra que os equipos humildes sempre teñen opcións", sinalou Venancio López.

A edición deste torneo no vindeiro ano desputarase en Lugo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: