Xa no propio ano 1936 relataba Conrado Alem –o pseudónimo que usou Luís Seoane mentres a súa dona Maruxa Fernández non puido saír de Galicia para se reunir con el en Buenos Aires- que Ánxel Casal, despois de chegar a Compostela de Madrid, fora detido e levado para a cadea municipal, se ben, despois das correspondentes declaracións, non se puideron formular contra el cargos concretos. Un artigo de Xosé María Dobarro.
Iso motivou que os chamados "Caballeros de Santiago" o sacasen unha noite na compaña de José Devesa Areoso para acabar asasinándoo "nun trasanco a carón da estrada, na parroquia de Cacheiras", que dixo Xesús Carro. Seoane engade que pouco despois, nas tabernas de Santiago "el asesino, el procurador Solla, absolutamente borracho, se vanagloriaba de esa hazaña y relataba a sus amigos de francachela cómo antes de morir, Casal y Areosa le habían rogado por la vida y cómo él no tuvo piedad de ellos". A maior abondamento, Conrado Alem tamén escribiu un poema relativo ós feitos, "Romance de Casal muerto", que hai uns anos atopou Xosé Luís Axeitos e que deu a coñecer na letra impresa Xesús Alonso Montero. Creo que o poema, que acompaña este artigo, merece ser reproducido máis unha vez.
A memoria do crime
É posible que os feitos acontecesen como nolos narrou Seoane, quen daquela, afortunadamente para el, xa estaba lonxe e a salvo do terror. Seoane foi un dos amigos e colaboradores de Casal no labor editorial que este desenvolveu en Santiago non anos da II República española. Mais nesa altura as informacións eran do máis confuso. A familia Casal –nomeadamente o irmán Manolo- nunca quixo manifestarse nese sentido do asasino concreto. Para el tanto tiña quen fose o executor. Houbera moitos. Si lembraba ben que nas primeiras horas da mañá do 19 de agosto lles chegara a noticia da bárbara execución.
Recordaba tamén como veciños de Cacheiras doaran sabas para enterrar os mortos sen caixa, o medo de andar pola zona preguntando... e así máis cousas. O curmán Xosé Castro segue hoxe tendo claras as imaxes da detención en Vilantime de Arzúa, a onde Casal fora pasar ese tempo de inseguridade absoluta que se produce mentres non se clarifican as cousas. A familia sempre insistiu en que non estaba fuxido, agachado. Simplemente, fóra da circulación máis perigosa. Ó que se conta, el mesmo estaba convencido de que nada malo fixera e, consecuentemente, nada malo lle debería pasar. Mais pasou.
Inimizades e barbarie
Cando se produciu o "alzamiento" Ánxel Casal xa non era alcalde de Santiago. Os representantes do Partido Galeguista xa presentaran a dimisión porque o proceso estatutario que lles interesaba e os levara ós poderes local e provincial xa estaba en marcha. Cumprían, pois, eleccións municipais. Os acontecementos levaron a Casal a botar as mans que fixeran falta para procurar parar a traxedia. Visto que non, mellor saír de diante por un tempo. E así fixo. É máis que posible, e que probable, que determinadas actuacións, non tanto á fronte do concello como do exercicio da profesión de impresor lle creasen certas inimizades.
As palabras dun personaxe da categoría de Salvador Cabeza de León, catedrático de Dereito e presidente do Seminario de Estudos Galegos, xa nos anos 1932 e 1933, en cartas a César Vaamonde Lores de Casal, falan ben ás claras da actividade do grande editor da Galicia: "veo que imprime todas las hojas sindicalistas, comunistoides, etc., y el ambiente compostelano no es el más propicio para esta clase de actividades: allá el" ou "resulta especialista en la impresión de hojas volantes. Salen de su taller casi todas las que se publican en esta apostólica urbe: desde luego todas las indecentes, insultantes, indignas, las que no encuentran acogida en ninguna parte no siendo en los amorosos brazos de Casal. Yo comprendo que la necesidad, como traducía el curita del cuento, tiene cara de hereje; pero también comprendo que una imprenta no se dignifica, ni mucho menos, sacando a luz esperpentos llenos de inmundicia; ni me parece que resuelva problema económico alguno, la mísera cantidad con que se paguen tales ataques contra la decencia y el buen gusto. Pero como no soy tutor de Casal, allá él, con su alma y su palma. Que acaso consiga la de martir, con esos procedimientos".
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (decembro 2005, nº 103