Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INÉDITO "DIÁLOGO" NO PARLAMENTO

O Parlamento aproba os orzamentos "do cambio" e acepta 27 emendas da oposición

"Son os orzamentos do diálogo e a transparencia", afirmou Ismael Rego desde o PsdeG. "Aprobáronse máis emendas que nos 16 anos de Fraga", defendeu polo BNG Carlos Aymerich. Pechábanse así dous días de debate que incluíron a redistribución de partidas por valor de até preto de 60 millóns de euros, logo da aceptación de varias achegas realizadas polo PPdeG. Ao discurso de satisfacción do ex conselleiro Orza na primeira xornada, substituíao desde os bancos populares o máis belixerante de Xosé Manuel Barreiro, cualificando de "defectuosos" os orzamentos para 2006. Antes, socialistas e nacionalistas reprocháranlle ao PPdeG que boa parte das súas propostas de cambio tiñan un caracter "localista" e en beneficio de concellos con goberno popular.

- 07:18 28/12/2005
Tags:

"Estes orzamentos serviron para ver como mudou o xeito de facer e de comportarse respecto ao anterior executivo", defendeu no pleno parlamentario o voceiro do grupo socialista. Destacou Ismael Rego que nesa liña "déuselle valor e dignifícase o papel da Cámara". Rego subliñou a aprobación dun abano de emendas presentadas polo PPdeG coma exemplo da "viraxe do novo goberno cara ao diálogo e o consenso". Gabando o que na súa opinión supón "unha nova orientación e un novo compromiso coa sociedade" e insistindo na vontade de "transparencia" do bipartito, o voceiro do PSdeG afirmou que se "produciu un claro xiro cara a normalización democrática" onde "ninguén debe sentirse excluído".

Desde o BNG, Carlos Aymerich lembrou que se aprobaron nesta negociación "máis emendas ca en 16 anos de goberno popular", e na mesma liña defendeu os orzamentos de 2006 coma "exemplo de diálogo". Ao tempo, o voceiro parlamentario do Bloque comentou que "desde o primeiro de xaneiro o valor do novo goberno vaise medir polo que faga e como o faga a partir de agora". Nese sentido dixo que "o que no pasado non se fixo non pode xustificar máis o que se faga no futuro". Aymerich afirmou que desta volta "non hai reparto de investimentos, senón distribución de recursos públicos" e gabou que o novo escenario "pon en valor ao Parlamento como institución". Moi especialmente, destacou os "cambios de forma e a transparencia que se traduce na desaparición da Lei de Acompañamento e a creación dun rexistro de subvencións".

O PP di que as súas emendas "corrixiron eivas"
"Permiten corrixir as eivas dunhas contas públicas defectuosas que, aínda así, frearán a creación de emprego e a converxencia con Europa", dixo o voceiro adxunto do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, a conta das emendas aos orzamentos aceptadas por PSdeG e BNG, "o cambio e transparencia tradúcense nun documento orzamentario cheo de eivas que tivo que corrixir o grupo popular", afirmou.

Segundo Barreiro "a ausencia de partidas destinadas a incentivar os investimentos da industria pesqueira de transformación ou a insuficiencia das achegas para a bolsa de vivenda en alugueiro son só dúas mostras da falta de rigor dos orzamentos de 2006". O PPdeG asefura que as contas do bipartito "priman o gasto corrente e unha crecente estrutura administrativa con dúas presidencias mentres que Galiza se aproxima a unha drástica redución dos fondos europeos". "Aumentan o gasto burocrático, o persoal de confianza e as partidas destinadas a enquisas e estudo", critican desde o PpdeG.

De xeito concreto, os populares referíronse tamén ao cambio dos 6 mil aos 12 mil euros no límite das das partidas económicas que se poden executar sen necesidade de fiscalización previa e a redución do prazo de tramitación de subvencións de 40 a 30 días coma "exemplo desa falta de rigor fiscalizador e de redución dos mecanismos de control".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: