Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LÁNZALLE MENSAXES DE CALMA AOS MERCADOS

Evo Morales avisa que os bolivianos necesitan "socios" e "non patróns"

O que será próximo presidente de Bolivia, o líder cocaleiro Evo Morales, referiuse logo da súa vitoria á estratexia que adoptará fronte ás multinacionais extranxeiras con intereses no país, especialmente no sector enerxético, subliñando que "son benvidas como socios se se axustan ás normas bolivianas, pero non poden ser quen controlen o sector coma donos". Morales comentou que non se lle expropiarán bens ás petroleiras pero que Bolivia "exercerá o dereito de propiedade sobre os hidrocarburos coma o pode facer calquera Estado".

- 08:52 20/12/2005
Tags:

Xa que logo, Evo Morales quixo ser claro ao respecto da súa principal proposta electoral, baseada no compromiso para a recuperación da propiedade estatal dos recursos naturais bolivianos, moi especialmente dos enerxéticos, claves para o desenvolvemento nun estado con altas cotas de pobreza e cuns beneficios que na actualidade privilexian as empresas multinacionais que traballan no país. Lembrámoslles que arredor de seis millóns de bolivianos viven na pobreza, con indicadores de miseria que aumentan significativamente nos últimos anos, e que un reducido número de familias acumula a maioría de hectáreas cultivábeis no país.

O líder do Movemento ao Socialismo non avanzou aínda detalles sobre os movementos para formar equipo de goberno cara á nova administración que deberá iniciar o seu traballo a mediados do próximo mes de xaneiro, explicando que toda decisión se fará logo da consulta inicial coa direción da formación durante esta semana, e unha posterior consulta ás bases do partido a través dunha asemblea coa participación dos colectivos sociais que o apoiaron neste proceso electoral.

No ámbito internacional, Morales referiuse especialmente á necesidade de "estreita relación e coordinación" cos veciños gobernos de Arxentina, Brasil e Venezuela, subliñando que "aínda que é importante ter relacións cos Estados Unidos, é máis importante dignificar Latinoamérica".

Por outro lado, durante a xornada do luns caeron as accións de Repsol YPF na Bolsa de Madrid ao tempo que a brasileña Petrobras anunciaba que paraliza os seus investimentos en Bolivia até que o MAS concrete as súas políticas no sector. Lembrámoslles que estas dúas empresas, xunto coa British Gas e a francesa Total controlan as tres cuartas partes dos vizosos xacementos gasísticos bolivianos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: