Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DISCURSO DO PREMIO NÓBEL DE LITERATURA 2005

Harold Pinter reclama que Bush e Blair comparezan perante a xustiza por crimes de guerra

"Canta xente hai que matar para merecer o título de asasino en masa e de criminal de guerra? Cen mil? Aínda máis, creo eu. Sería pois xusto que Bush e Blair comparecesen diante da Corte Internacional de Xustiza. Pero Bush é malo. Non ratificou a Corte (...). Pero Tony Blair si que a ratificou e pode ser obxecto das súas investigacións. Podemos darlle o seu enderezo á Corte, por se lle interesa. Vive no número 10 de Downing Street, en Londres". Son palabras do dramaturgo británico e gañador do Premio Nobel de Literatura 2005, Harold Pinter quen, no seu discurso de aceptación do premio, acusou os Estados Unidos de cometer crimes sistemáticos con centos de miles de mortos en todo o mundo e de someter brutalmente numerosos Estados.

- 03:47 08/12/2005
Tags:

No seu discurso de aceptación do Nobel, que foi emitido en vídeo en Estocolmo porque o escritor, de 75 anos, non puido asistir en persoa ao acto debido a que se atopa gravemente enfermo de cancro, Pinter fixo un repaso á política exterior de Estados Unidos desde a Segunda Guerra Mundial.

Pinter gravou en vídeo o discurso, de 1 hora de duración, a pasada fin de semana nun estudo de televisión de Londres, pouco antes de ser ingresado nun hospital da capital británica. Xa antes os médicos prohibíronlle asistir á cerimonia co rei Carlos Gustavo de Suecia este sábado.

O autor reclamou ademais nas súas palabras un xuízo contra o presidente estadounidense, George W. Bush, e contra o primeiro ministro británico, Tony Blair, ante a Corte Penal Internacional en Háxaa por crimes de guerra na invasión a Iraq.

Como exemplo da actuación de Wáshington en materia de política exterior, Pinter destacou o caso de Nicaragua e o apoio que a ditadura de Somoza recibiu de Estados Unidos durante 40 anos, así como o desprezo cara aos sandinistas que chegaron ao poder en 1979 e que finalmente foron derrocados con axuda estadounidense.

Canto aos "crimes sistemáticos" de Estados Unidos, Pinter tamén mencionou as actuacións en Indonesia, Grecia, Uruguai, Brasil, Paraguai, Haití, Turquía, Filipinas, Guatemala, O Salvador e Chile. Sobre este último país dixo que nunca se poderá perdoar o dano que Estados Unidos fixo en 1973.

Pinter sostivo que nestes países houbo centos de miles de mortos. "Hóuboos realmente? Son atribuibles á política exterior de Estados Unidos? A resposta é si".

O Nobel engadiu que os crimes de Estados Unidos foron "sistemáticos, constantes, infames e despiadados", pero que só poucas persoas falaron deles. Iso atribuíno a unha enorme manipulación, "un acto de hipnose", a través do cal Washington fíxose pasar por defensor das bondades universais.

Tamén dixo que antes Estados Unidos favorecía os "conflitos de baixa intensidade", pero que agora deuse conta de que esa reserva non é necesaria. "A invasión a Iraq foi un acto de bandidos, un acto de terrorismo de Estado aberto, que demostrou o desprezo absoluto polo principio do dereito internacional".

O escritor asegurou que a Bush e a Blair dálles igual a morte de polo menos 100.000 iraquíes por bombas e misiles estadounidenses. Pinter aproveitou para citar o poema "Explico Algunhas Cousas" do libro "Tercera Residencia" escrito por Pablo Neruda.

O Nobel, que iniciou o seu discurso falando sobre a dificultade de dar coa verdade na arte pero o deber de preguntarse por ela como cidadán, dixo que aos políticos non lles interesa a verdade senón manterse no poder. De aí mentiras como a de que Iraq posuía armas de destrución masiva.


Ligazóns

4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: