Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTUDO DA OMS

O cambio climático afecta a saúde do planeta... e a das persoas

A diminución de calidade de vida polo maior número de alerxias, e o aumento de mortes por golpes de calor e enfermidades infecciosas están entre os máis evidentes exemplos de como o cambio climático lle está afectando á saúde das persoas. Así o recolle o informe que este martes presentou no cumio de Montreal a Organización Mundial da Saúde. Lembrámoslles de paso que para este mércores agárdanse avances nas conversas sobre o futuro do pacto de Quioto, logo da chegada dos ministros de Medio Ambiente dos países con delegación no encontro.

- 08:54 07/12/2005
Tags:

A investigación realizada polos técnicos da OMS durante os últimos catro anos concluíu que o período de polinización estendeuse no contorno de Europa por espazo de até dez días máis coma media, contribuíndo á expansión das alerxias provocadas por polen. Ao tempo, o propio aumento de temperatura tamén inflúe no aumento das cantidades de polen emitidas. Estas circunstancias estarían provocando, segundo explican os científicos das Nacións Unidas, que se estean detectando persoas con este tipo de alerxias en lugares onde antes non se detectaran ou eran escasas.

Ao tempo, o estudo advirte do aumento das vagas de calor durante os próximos anos e avisa que número de mortes debidas ás altas temperaturas vaise disparar. Lembrámoslles que hai dous anos, a vaga de calor sufrida a nivel da Unión Europea xa provocara o falecemento de 35 mil persoas. O informe prognostica que en pouco máis de quince anos as mortes por este motivo vanse a triplicar en Europa.

O aumento de ata un 10% dos casos de salmonelosis debido tamén ás altas temperaturas e a ameaza de enfermidades infecciosas deica agora propias dos climas máis cálidos e húmidos, son outras posibilidades agoiradas pola OMS, que advirte especialmente do impacto que esta situación terá nos países cos sistemas sanitarios máis deficientes.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: