Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTANZA EN BRUXELAS ENTRE TOURIÑO E A COMISARIA DE POLÍTICA REXIONAL

O porto exterior da Coruña recibirá a maior partida dos fondos de cohesión destinados a Galiza

A Unión Europea achegará 257,5 millóns de euros para a construción no novo porto exterior da Coruña en Punta Lagosteira a través dos fondos de cohesión, segundo lle comunicou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a comisaria de Política Rexional da UE, Danuta Hübner. Esta decisión da UE, pendente de sinatura, "pero final e definitiva" segundo Touriño, permite "que quede despexado o camiño de futuro dun proxecto estratéxico deste alcance e desta magnitude é a mellor noticia que me podía levar hoxe desta visita de traballo á comisaria de Política Rexional", engadiu o presidente da Xunta. Despois da xuntanza con Hübner, Touriño mostrouse prudente ante a continuidade dos fondos europeos para Galiza no horizonte do 2013 "a pesar de que os datos dispoñibles son positivos para o país".

- 18:04 29/11/2005
Tags:

Desta forma, e segundo recolle Europa Press, os 257,5 millóns que destinará Bruselas "esgotan, practicamente, a disponibilidade" da marxe de fondos de cohesión da comunidade, o cal, para Touriño, constitúe "unha noticia altamente positiva".

O presidente reivindicou, ademais, o "interese estratéxico" do porto tanto para a Xunta como para o propio goberno español e engadiu que a confirmación "como dato definitivo" da dotación orzamentaria "despexa as incertezas que podían existir". "Non me cabe máis que facer un saúdo positivo e a miña felicitación, como non, á cidade da Coruña e a toda Galiza".

Touriño móstrase prudente sobre a continuidade da percepción dos fondos europeos
En relación coas perspectivas financeiras, Pérez Touriño sinalou que "estamos no momento cumio da discusión", e afirmou que "sería bo que fose posíbel un acordo na Unión Europea no mes de decembro".

Touriño, que destacou que toda negociación desta índole "é sempre complexa e dificultosa", quixo amosarse prudente sobre a posibilidade de que Galiza siga mantendo fondos. "Imos esperar a ver que pasa, sabemos extraoficialmente que os últimos datos que manexa o Instituto de Estatística e que manexa o Eurostat dan unha información para o ano 2003 que é favorable para Galiza canto a continuidade na percepción de fondos", afirmou. Porén, o presidente da Xunta pediu prudencia porque "nada está decidido" a espera de que haxa un acordo sobre as perspectivas financeiras.

Pérez Touriño avanzou que os datos dispoñibles permitirían confirmar que Galiza, computando o ano 2003, seguiría en condicións de acceder aos fondos comunitarios, mais fixo fincapé en que "mentres non exista acordo nas perspectivas financeiras non poderemos ter garantía plena" concluíu.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: