O premio da Fundació Orfeó Català-Palau outorgouse ao cuarteto formado polo ourensán Cibrán Sierra, o asturiano Aitor Hevia, o vasco Lander Etxebarría e mais Helena Poggio, nada en Madrid, pola súa interpretación de composicións de Haydn, Beethoven e Prokófiev no concerto que tivo lugar no Palau de la Música o 5 de outubro.
El Primer Palau é unha mestura entre un certame musical e unha tempada de concertos, xa que os premios se outorgan a partir dos concertos de outono de novos intérpretes ofrecidos no Palau de la Música. O primeiro premio consiste en 9.000 euros e mais o concerto de peche do ciclo na vindeira edición.
Os músicos do Cuarteto Quiroga estiveron vinculados á Escuela Superior de Música Reina Sofía e orquestras para novos intérpretes españolas e europeas. Desde a súa creación veñen ofrecendo numerosos concertos en España e no estranxeiro e acadaron varios premios. O Cuarteto Quiroga naceu coa vontade de homenaxear ao violinista pontevedrés Manuel Quiroga.