As imaxes de cadáveres afectados por armas químicas na cidade de Faluia logo do ataque do exército estadounidense en 2004 serán emitidas pola televisión pública italiana este martes, segundo avanzou a canle. "O masacre agochado" é titulo dunha reportaxe que probaría que os EEUU empregaron un novo Napalm coñecido coma NK-77 e prohibido pola Convención de Xenevra en 1980. O uso destas armas fora xa denunciado por grupos iraquís, malia que non se coñeceran probas concretas deica agora.
"Oín a orde de estarmos atentos porque viñan de usar o fósforo branco por riba de Faluia", afirma un soldado estadounidense que está enter as testemuñas consultadas polo equipo da RAI responsábel desta reportaxe, "estoupa e forma unha nube que se estende nun radio de 150 metros".
"O fósforo queima o corpo e derrete a carne até os ósos", cóntalle aos xornalistas italianos, "vin corpos queimados de mulleres e nenos", confésalles.
Fronte a acusacións anteriores do uso destas armas, o exército USA confirmou a súa existencia no seu arsenal dese fósforo pero comunicou que só empregara ese material para "iluminar posicións inimigas". Giuliana Sgrena, a xornalista de Il Manifesto secuestrada o pasado marzal, investigaba precisamente o presunto uso de napalm e fósforo branco pouco antes de ser retida por descoñecidos, e asegurou ter recollido testemuñas da utilización desas armas.
Os grupos da oposición xa pediron que o goberno Berlusconi compareza de xeito urxente no Parlamento para informar sobre o asunto, reprochándolle unha vez máis a condición de Italia de aliado dos EEUU na guerra de Iraq.