O proxecto de construír unha estación de esquí na serra de Trevinca, no concello da Veiga, nas inmediacións das cristas máis altas de Galiza, levou a once clubs e a Federación Galega de Montañismo a dar a voz de alarma sobre as graves consecuencias que tería esta obra, de chegarse a realizar, sobre os ecosistemas do macizo montañoso, incluído pola Xunta na Rede Natura.
O presidente da Federación, Xosé Luis Freixeiro, cualificou o proxecto de aberrante e pediu aos seus promotores que investiran os cartos en actividades que dean traballo na zona, como un secadoiro de xamóns ou unha fábrica de chourizos. As asociacións montañeiras que se opoñen á proxectada estación agrupan a deportistas de todas as cidades galegas. O Club Pena Trevinca do Barco, un dos máis antigos de Galiza, xa se tiña pronunciado en contra do proxecto o ano pasado, co gallo do seu sesenta aniversario.
Os montañeiros agardan que o conselleiro de Medio Ambiente, co que van manter unha entrevista nos próximos días, impida esta desfeita e recordan que o proxecto xa fora desestimado, por ser economicamente inviable, polo anterior goberno galego.
O alcalde da Veiga, Edesio Yáñez, un dos promotores da estación, a propósito do manifesto crítico dixo: «A isto hai que pórlle freo, non podemos admitir este tipo de declaracións. Eles non teñen que dicir se será rendible ou non, iso é problema noso». Tamén os empresarios ven nestas obras unha oportunidade de negocio, aínda recoñecendo que o principal problema sería a súa escasa rendibilidade debido á escaseza de neve nesas altitudes, como xa acontece coas instalacións de Manzaneda.