Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIRAGÜISMO

Xosé Alfredo Bea, subcampión mundial de maratón

O piragüista grovense Xosé Alfredo Bea proclamouse subcampión do mundo de maratón, na proba que se desputou na cidade australiana de Perth esta mañá. Bea, que competía en C1, consegue así a súa primeira medalla en maratón da súa longa carreira. Pero non foi a única medalla, pois o iúnior Rubén Paz consegiu o bronce en C1, mentres que Manuel Antonio Campos obtiña a cuarta praza na proba sénior.

- 12:31 15/10/2005
Tags:

Os Campionatos do mundo de maratón, que se están a celebrar na cidade australiana de Perth, están presididos pola desgrazada nova do positivo do canoísta australiano Nathan Baggaley, campión mundial e olímpico en K1. Baggaley, que negou todo coñecemento, inxeriu ao parecer metandionona e estanozolol, o mesmo esteroide co que se dopou o canadense Ben Johnson en Seúl 1988.

Pero nese contorno chegou a medalla de prata do grovense Xosé Alfredo Bea, na súa primeira participación nun mundial desta especialidade. A proba de maratón para os C1 ten 28,8 kms de distancia, e consistía en dar catro voltas a un circuíto natural, sen esquecer un paso en cada volta por unha pequena praia, onde os canoístas teñen que carrexar ao lombo a piragua. Neses 28,8 quilómetros o mellor foi o húngaro Edvin Csabai, gañador do seu noveno ouro nesta especialidade. Porén, Bea púxollo ben difícil, quedando unicamente a catorce segundos do palista maxiar (2:20'02" contra 2:20'16"). Terceiro, xa a unha boa distancia do grovense, foi o tamén húngaro Attila Gyore, que lle sacou só medio minuto ao galego Manuel Antonio Campos, tamén do Breogán do Grove.

En categoría feminina, a representación galega levouna María Pérez Piñeiro, do clube As Torres de Catoira, que en K1 quedou sétima cun tempo de 2:22', a algo máis de cinco minutos da británica Anna Hemmings. A prata foi para a húngara Vivien Follath e o bronce para a polaca Barbara Przybylska. En K1 homes, o ouro e a prata foron para os españois Manuel Busto e Emilio Merchán, respectivamente e o bronce para o novacelandés Ben Fouhy.

Pero non foi a de Bea a única medalla galega. O iúnior Rubén Paz conseguiu o bronce tamén no maratón de C1, mentres que Manuel Garrido foi quinto, nunha proba que levaron os húngaros Peter nagy e Marton Kover. A tamén iúnior Natividade Busto, das Torres de Catoira, foi sétima a menos dun minuto do bronce na proba de K1, da que levou o ouro a italiana Stefania Cicali.

Para a xornada do domingo (noite do sábado hora galega), aínda quedan posibilidades de medalla. Téñeno doado Ramón Ferro e Óscar Graña, que participan no C2 sénior, e máis difícil Daniel Esteves que o fai no K2 iúnior.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: