Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REFORMA DO CÓDIGO CIVIL

O PP presenta finalmente o recurso de inconstitucionalidade contra o matrimonio homosexual

O luns remataba o prazo de presentación do recurso de inconstitucionalidade e tres días antes o Partido Popular o entregou no Tribunal Constitucional. Nas súas alegacións, os populares sinalan que a reforma do código civil foi un "grave erro histórico" e entende que se violan sete artigos da Constitución, pero fundamentalmente que se pretende reformar a Constitución mediante unha modificación do Código Civil.

- 13:24 01/10/2005
Tags:

O principal artigo en desputa é o 32, onde a Constitución sinala que "o home e a muller teñen dereito a contraer matrimonio en igualdade xurídica". Para os populares, da lectura desta frase debe entenderse "o home coa muller", mentres que para os e as que defenden a constitucionalidade da reforma, o propósito dese artigo é equiparar a igualdade de homes e mulleres no matrimonio, pois antes de 1978 non existía, e non estabelecer quen pode casar con quen. A este propósito os populares traen tamén os debates parlamentarios que se mantiveron durante o proceso constitucional, e que sinalan o rexeitamento dunha proposta que buscaba introducir unha redacción aberta ao matrimonio homosexual. Porén, outros espertos constitucionalistas sinalan que a redacción final do texto procurou a mantenta unha redacción ambigua que permitise unha ampla marxe de manobra lexislativa.

A outra liña de argumentación do Partido Popular entende que se está a modificar subrepticiamente o texto constitucional cunha reforma do código civil, e non seguindo os procedementos habituais. Para o Partido Popular existen determinados termos, como "matrimonio" que están recollidos na Constitución procedentes dunha realidade natural anterior ao propio texto, e que non poden ser modificados na súa acepción habitual que plasma o tratado constitucional. Para o PP, é imposíbel "que o lexislador ordinario e non o constituínte modifique a Constitución utilizando a sinxela fraude de mudar o nome acuñado das cousas e como tal empregado polo constituínte".

Os populares acoden a unha explicación ideolóxica do matrimonio, definíndoo como "unha institución de contornos precisos que responde á lóxica das necesidades naturais e sociais da nosa especie". Engaden que "de complementariedad creadora do masculino e o feminino falan desde sempre os filósofos e os mitólogos, que engarzan a figura na unión dos elementos básicos da naturaleza", mencionan a promoción da natalidade e achegan que o matrimonio ten "unha definición similar e universal" como "a unión de home e muller".

Ademais, o Partido Poular engade que a reforma do Código Civil que lle recoñece validez ao matrimonio entre homosexuais vulnera o artigo 10.2, onde se sinala que as normas relativas aos dereitos fundamentais e as liberdades se interpretarán "conforme a Declaración universal dos dereitos humanos e os tratados e acordos internacionais sobre as mesmas materias ratificados por España", posto que ningún deles falan do recoñecemento do matrimonio homosexual.

Ademais, no recurso alégase que a reforma vai contra o artigo 14, en relación co 1.1 e o 9.2, relativos ao principio de igualdade, en tanto que o matrimonio homosexual non está salvando unha desigualdade de dereitos, posto que "a ninguén por se homosexual se lle prohibiu contraer matrimonio" agás que o fixese cunha parella do seu mesmo sexo. Tamén se afirma que se viola o 39, referido á protección da familia e dos nenos, porque "o ámbito natural en que se desenvolve o menor é a unión heterosexual"; o 53.1, por non respectar o dereito a contraer matrimonio; o artigo 9 por non gardar o principio de xerarquía normativa, e ol 167 referido á reforma Constitucional.

Para os populares existían outras formas legais para recoñecer "a finalidade lexítima do lexislador" sen que se rompese coa Constitución, é dicir, mediante unha redacción de unións civís que non incluíse o termo "matrimonio".


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: