Vivimos na época das novas tecnoloxías, de aí que se converta en imprescindible que sexan os novos sectores da economía os que estean á vangarda do desenvolvemento galego. Co gallo de cumprir con este mandato que impoñen os tempos modernos naceu hai case que trece anos o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole. Un artigo de Adrián Alonso.
Este Parque resulta sorprendente dende a súa propia xestación aló polo ano 1992 por estar situado nun contorno eminentemente rural como é o Concello de San Cibrao das Viñas, moi preto da cidade de Ourense. Segundo o seu director xerente, Ricardo Capilla, "o Parque construíuse en Ourense debido á posición estratéxica da cidade, moito máis próxima á Meseta do que o están outras cidades galegas". A pesar de ser unha iniciativa da Xunta de Galicia, na actualidade Tecnópole está constituído como órgano de xestión da Sociedade Anónima "Parque Tecnolóxico de Galicia S.A." na que, ademais da Xunta (45 por cento), están presentes outras entidades como a Deputación de Ourense (21 por cento), a Cámara de Comercio e Industria de Ourense son o seu Concello (cada un deles cun 10 por cento), o Concello de San Cibrao das Viñas (4 por cento), a Confederación Empresarial de Ourense, UGT e as tres Universidades galegas (cada un cun 2 por cento do total).
Referente da innovación
O obxectivo fundamental deste Parque está resumido polo seu director xerente nunha soa frase: "Converterse no grande referente da innovación en Galicia". Dende o seu nacemento e co obxectivo sinalado por Capilla, Tecnópole fixo fincapé na necesidade de colaborar moi estreitamente coas tres universidades galegas (de feito, as tres son membros do seu Consello de Administración), de aí que anualmente se estean a asinar acordos de colaboración en materia de transferencia de tecnoloxía, apoio á formación de bolseiros, asesoramento tecnolóxico e de xestión de empresas para estudantes, así como á organización conxunta de xornadas e conferencias destinadas a interrelacionar o mundo empresarial e tecnolóxico co universitario.
Nesta liña de cooperación coas universidades galegas, o Parque, de maneira conxunta coa Universidade de Vigo, botará a andar proximamente, a Cátedra Tecnópole, que buscará un punto de encontro entre os equipos de investigación universitarios e as empresas que desenvolven as súas actividades no Parque empresarial de San Cibrao. Segundo Ricardo Capilla, "moi pronto estarán tamén as outras dúas universidades galegas. Vemos esta colaboración coas universidades como algo esencial xa que un Parque Tecnolóxico sen elas, non ten ningún sentido". Os referentes para Tecnópole neste eido han de ser "os Parques de Málaga e de Zamudio, no País Vasco, que teñen como base do seu funcionamento a colaboración coas universidades".
Niño de empresas
No Parque Tecnolóxico de Galicia están presentes actualmente 60 empresas, o que supón unha ocupación do 70 por cento da súa capacidade. Pese ós trece anos de vida de Tecnópole, o certo é que se atopa nunha fase de asentamento e crecemento, polo que o seu principal reto está na súa consolidación definitiva a través dun traballo intenso de reclamo de novas empresas.
Ricardo Capilla asegurou que "estamos a traballar nunha política constante de venda. Temos que promovernos a nivel nacional e internacional e facerlles ver ás empresas que este é un lugar ideal para o seu establecemento". De cara ó mes de setembro, está previsto o comezo dunha campaña de enquisa entre as empresas galegas sobre o seu grao de coñecemento acerca do Parque, así como o fomento da expansión de Tecnópole entre os máis cativos cun concurso nos colexios galegos. Todo co obxectivo de que o Parque Tecnolóxico de Galicia non sexa un descoñecido para os galegos, senón que se saiba que é o lugar onde "se traballa por ser un aliciente innovador para o país e para a xente, ademais de ser un importante centro polo seu enorme potencial económico".
O optimismo estableceuse na dirección de Tecnópole debido a que a demanda de novas empresas para ingresar nel están a ser constantes. Capilla chegou a sinalar que "hai moitas peticións que non podemos atender debido a que son empresas que non reúnen os requisitos nin o perfil que nós buscamos".
O certo é que a oferta actual de Tecnópole para as empresas resulta punteira ó contar coas máis avanzadas necesidades tecnolóxicas que poidan requirir. As parcelas destinadas a albergar as novas empresas atópanse totalmente urbanizadas e equipadas con conexións para gas, fibra óptica ou electricidade de media e baixa tensión. Ademais, téntase ofrecer servizos auxiliares e complementarios en materia como cursos de formación continua ou mesmo de idiomas. O Centro de Empresas e Innovación (CEI) acolle, ademais de servizos e infraestruturas de grande valor engadido, sesenta niños de empresa cunha superficie mínima de 25 metros cadrados, acondicionados para o comezo inmediato da actividade empresarial.
A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (setembro 2005, nº 100).