A Mesa pola Normalización Lingüística propuxo que o Centro Ramón PIñeiro non quede localizado na Secretaría Xeral de Política Lingüística no organigrama definitivo da Xunta. Cos gobernos populares, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dependía da dirección xeral de Política lingüística, que á súa vez estab integrada en Educación. A Mesa sinala que o Centro non está a cumprir funcións de promoción e extensión social da lingua e propón facelo depender ou de Educación, ou de Cultura ou de Industria.
A Mesa pola Normalización entende que o Centro Ramón Piñeiro non está a cumprir unha función de promoción e extensión social da lingua galega e que "por esa razón non debe ser sufragado co diñeiro destinado á normalización lingüística", e debe diferenciarse claramente a política lingüística da política cultural e da investigación filolóxica. Por iso, o colectivo propón que sexa tranferido ás consellarías de Cultura, Educación ou Industria e Innovación. Para a Mesa, a nova secretaría xeral debería introducir a lingua en novos ámbitos e non "investir o diñeiro en cuestións tanxenciais que non implican unha mellora social" do idioma. "Sería como se a Consellaría de Sanidade en lugar de construír hospitais destinase a maioría do seu orzamento a facer edicións facsimilares de cartas de Freud, biografías sobre Pasteur, etc." aclaran graficamente dende a Mesa.
A Mesa pronunciouse tamén sobre o nomeamento de Marisol López como nova sercretaria xeral de Política lingüística, observando que "chega co importante lastre" da falta de consenso e que a nova responsábel non ten experiencia investigadora ou de xestión no ámbito da normalización lingüística.
A Mesa estima que "o principal reto" da secretaría xeral debería ser conseguir "a plena aplicación do Plano Xeral de Normalización" e, con ese obxectivo compartido, a organización cidadá procurará acordos coa Administración e manterá "a mellor vontade de diálogo e colaboración construtiva" con Marisol López. A Mesa considera ademais importante a creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción exterior do galego, pero entende que "ese punto non debe ser o central da lexislatura, pois o galego parte dunha situación de anemia aguda no espazo social que lle é propio, e aí é onde se debe centrar a intervención nestes momentos".