A música galega pecha esta fin de semana un ciclo na súa historia. Os Diplomáticos de Monte Alto despídense dos seus fans logo de 15 anos de concertos e fano no barrio que lles dá nome, na praza de España da Coruña. Ademais do seu adeus o lecer galego énchese con teatro, con máis música e coas festas de San Cibrán en Vilanova de Arousa, o Nazareno na Pobra do Caramiñal, a festa do cabalo nas Pontes, a baixada de carrilanas no barrio das Campeiras no mesmo concello e o Cristo en Vigo.
O venres noite os amantes do rock bravú e, especialmente, os fans dos Diplomáticos de Monte Alto teñen a súa cita esencial na praza de España da Coruña. No concerto de despedida o grupo formado por Manolo Maseda, Lola de Ribera, Toni Simões, e Xabier Alonso vaise ampliar coa presenza dos históricos diplomáticos Rómulo Sanjurjo (co acordeón e a guitarra) e Guni (tamén nas guitarras), ademais de contar coa presenza de Xurxo Souto para a interpretación do tema que peche o concerto. Xunto aos Diplomáticos van estar outros músicos e artistas galegos como Julián Hernández, Susana Seivane, Mercedes Peón, Uxía Senlle, Guadi Galego, Carlos Blanco, Los Metales Preciosos, Batuko Tabanka, Lino Braxe e Xosé Manuel Pereiro.
Para a tarde a noite do vernes 16 de setembro hai máis que despedidas e tamén máis que música. Na Sala Yago de Compostela Luma Gómez e Manuel Areoso interpretan, ata o domingo 18, o Ensaio de Teatro do Atlántico baixo a dirección de Eduardo Alonso. A La Fábrica de Chocolate de Vigo chega a música da man de Isi Vaamonde e o hip-hop de Armablanca fai outro tanto en La Iguana Club da mesma cidade para repetir espectáculo o sábado no Clavicémbalo de Lugo e no Rock Club de Ourense o domingo.
Na mesma noite Luar na Lubre participa das festas do Cristo cos gaiteiros Os Zoqueiros do Porriño e David Bustamante convértese na estrela da celebración do Setembro ourensán. Mentres tanto, o sábado pola noite a compostelá Sala Capitol estrea a nova programación da man dos Straitjackets.
E para rematar a oferta de lecer, un espectáculo de danza, un encontro de Ferreiros na Fonsagrada, a festa do Biscordel na parroquia de Igrexafeita, en San Sadurniño, e o inicio dos Circuitos de Teatro en Moaña. A danza chega da man de Rey de Viana e do seu espectáculo Lumieira no Centro Cultural Caixanova de Vigo e Moaña estrea o sábado 17 a súa décimo sétima edición dos Circuitos Teatrais nun encontro que abre a compañía granadina La Sal.