O Colectivo Republicano de Redondela remitiralle á Xunta sinaturas para solicitar que as illas de San Simón sexan tratadas "como un referente histórico dun tempo que parece que moitos queren que pase ao esquecemento para sempre". O manifesto expón que "o anterior goberno de Manuel Fraga limpou as illas de tal forma que non quedou absolutamente nada que sinale como o que foron durante case sete anos: un lugar de presidio e morte para moitos homes que só se distinguiran por defender a liberdade".
"Dende hai xa tempo, en todo o Estado érguense voces que tratan por todos os medios de impedir que isto suceda, senón ao contrario, procuran recuperar os nomes, os lugares e a historia, para que nunca máis volva a besta negra a aniñar neste país, iniciativas todas que, no seu conxunto, están guiadas polo mesmo espírito", sinalan os promotores da campaña de recollida de sinaturas.
O colectivo solicita que os interesados en suscribir a petición lle fagan chegar, da forma que consideren máis axeitada, á Xunta o seu apoio ao manifesto cidadán sobre as illas de San Simón. Publicitan os correos do presidente da Xunta e da conselleira de Cultura.