A Axencia Federal de Control de Emerxencias solicitoulle oficialmente asistencia humanitaria á presidencia británica da Unión Europea e á delegación da Comisión Europea en Washington. Son máis de 200 mil refuxiados sen teito aos que as administracións estadounidenses se están vendo incapaces de fornecerlle os servizos máis básicos, ao tempo que se agoiran milleiros de cadáveres cando se poidan controlar as augas na zona de Nova Orleans. Ao tempo, dispáranse as críticas ao labor do goberno Bush, mentres o presidente anuncia unha nova visita á zona e mobiliza todos os altos cargos fronte á crise aberta pola lentitude e ineficacia da resposta á emerxencia.
Racións alimenticias preparadas para a súa distribución inmediata, botiquíns de primeiros auxilios, tendas de campaña, camións de auga potábel e outros vehículos para abastecementos, xeneradores eléctricos... Son algúns dos medios que de forma urxente precisan os equipos de emerxencia despregados nas zonas devastadas polo furacán e dos que o goberno estadounidense se ve incapaz de satisfacer a demanda.
Malia que o presidente Bush subliñara nun primeiro momento que os EEUU estaban en situación de resolver a catástrofe cos seus propios medios, o reiterado seguemento dos medios da situación, amosando as insuficiencias e o abandono no que sobreviven gran parte dos afectados levou finalmente á administración a realizar unha petición internacional de axuda a través da Axencia Federal de Control de Emerxencias.
A lentitude no despregue das medidas de urxencia fronte a un desastre anunciado, o coñecemento de que fondos destinados ao perfeccionamento dos diques de protección da cidade foron paralizados e posteriormente desviados á campaña militar, o despregue en Iraq de medios humanos e materiais que terían axudado á xestión desta crise, a lentitude de resposta e o caos provocado nas zonas afectadas... Todo un conxunto de circunstancias se acumulan contra a xestión da catástrofe da administración Bush, e ao contrario que na crise do 11S, desta volta semella que non haberá consenso político entre os dous grandes partidos para evitar as críticas ao labor presidencial.