O Consello da Xunta acordou suspender de xeito cautelar, a proposta da consellaría de Innovación e Industria, dous aproveitamentos hidroeléctricos no río Ulla que foran aprobados polo goberno Fraga no pasado mes de abril. A decisión afecta ao salto nº1 de Brandariz e ao salto nº 2 de Touro, promovidos polas empresas Unión Fenosa e Patrimonio Hidroeléctrico de Galicia SL respectivamente.
Segundo o texto aprobado este xoves, a decisión baseáse nunha sentencia do Xulgado do Contencioso
Administrativo nº1 de Pontevedra que con data 26 de Abril de 2005, anula a concesión, por parte do Presidente de Augas de Galicia, de sete aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Ulla a Unión Fenosa.
Con esta decisión a Xunta atende os recursos presentados pola asociación ecoloxista ADEGA e un particular, no segundo dos casos, contra os acordos do Consello da Xunta, dos días 7 e 21 de abril de 2005, nos que se declara a utilidade pública e maila necesidade urxente de ocupación dos terreos afectados polos dous proxectos. A redacción das actas previas á ocupación e a adquisición estaba prevista para o vindeiro 5 de setembro.