A web do Ministerio de Medio Ambiente que achega información sobre o estado dos encoros denomina os nosos ríos e balsas artificiais unicamente cos nomes en castelán. Así, na conca de Galiza-costa existe o encoro de Santa Eugenia, no río Jallas, ou o de La Ribeira, no Eume. A conca hidrográfica do Norte, que rexe máis encoros e máis ríos, aínda abonda máis neste fenómeno: Chandreja, Las Conchas, Bibey, San Esteban, Las Portas... Afortunadamente, a web dispón tamén dun formulario de suxestións para facerlle chegar as nosas opinións á ministra. A propósito desta nova, un lector achéganos tamén a gralla que recolle a compañía aérea Ryanair, que se refire á capital de Galiza como Santiago de Compostella, "coma se fose o nome dunha cidade italiana".