Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
PRESENTOU ALEGACIÓNS AO BORRADOR PRESENTADO POLA ANTERIOR XUNTA

ADEGA reclama a aprobación inmediata dun Catálogo Galego de Especies Ameazadas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) demanda da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel a aprobación inmediata dun Catálogo Galego de Especies Ameazadas rigoroso. ADEGA presentou alegacións ao borrador de catálogo presentado polo anterior Goberno autonómico, ao considerar que presenta importantes insuficiencias. Galiza é unha das catro comunidades autónomas que aínda carecen de Catálogo de Especies Ameazadas.

- 11:00 19/08/2005
Tags:

ADEGA coida que o borrador de Catálogo sometido a consulta pública é incompleto. Neste senso, cómpre salientar a non inclusión de ningunha especie de grandes grupos como as bolboretas, os peixes ou os fungos. O borrador non ten en conta todo o coñecemento científico existente na actualidade sobre a flora e a fauna ameazadas do noso país.

ADEGA solicitou á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta que, no prazo de seis meses, se revise en profundidade a proposta de Catálogo, a través da creación dun grupo de traballo no que participen representantes da devandita Dirección Xeral, especialistas nos diversos grupos de especies e representantes de asociacións e sociedades de estudo e defensa da natureza.

A inclusión dunha especie, subespecie ou poboación no Catálogo Galego de Especies Ameazadas debería conlevar, segundo a Lei autonómica de conservación da natureza, o desenvolvemento de planos destinados a mellorar o seu estado de conservación. Galiza carece de planos propios, pois as accións desenvolvidas na nosa terra para a conservación do oso pardo e do urogalo foron froito de estratexias de ámbito supraautonómico. ADEGA considera prioritaria a redacción e aplicación de planos de recuperación para todas as especies en perigo de extinción durante a presente lexislatura.

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas é un instrumento básico para a conservación da nosa diversidade biolóxica, cuxa aprobación ten sido demandada insistentemente desde as organizacións de defensa da natureza e desde o mundo científico. O anterior goberno incumpriu a Lei de conservación da natureza, pois obrigaba á Xunta a publicar o catálogo antes de setembro de 2003.


Ligazóns

0/5 (0 votos)