Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O IRA ABANDONA A LOITA ARMADA

Gerry Adams di que a mellor homenaxe ás vítimas é lograr a paz

O líder do Sinn Féin, Gerry Adams, declarou esta tarde que, despois do comunicado do IRA no que anunciou o abandono da loita armada, o goberno británico xa non ten escusas para seguir ocupando os territorios irlandeses do norte. Adams apostou por poñer en marcha os chamados Acordos do Venres Santo e instou o goberno irlandés a traballar pola unidade de Irlanda.

- 18:27 28/07/2005
Tags:

Durante unha rolda de prensa, Gerry Adams asegurou que o comunicado do IRA é "unha clara proba do compromiso dos republicanos para conseguir a paz". Durante o discurso tamén se solidarizou coa familia das vítimas do longo conflito e afirmou que a mellor homenaxe que se lles pode facer é lograr a paz.

Poucas horas despois de producirse o anuncio do IRA, Adams asegurou que "as loitas de liberación teñen varias fases e é tempo de situar a guerra no pasado". O líder do Sinn Féin rendeu homenaxe ao compromiso de todos os que tomaron a decisión de renunciar á loita armada e pediulles aos republicanos que puxeran "todas as súas enerxías na construción dunha nova Irlanda". O líder republicano subliñou que "por primeira vez" hai unha oportunidade para "lograr os nosos obxectivos por métodos pacíficos e democráticos". "É un desafío para todos", engadiu, e aventurou que "a historia non será amábel cos gobernos que non implementen os Acordos do Venres Santo".

Os primeiros ministros do Reino Unido e Eire acollen con satisfación o anuncio do IRA
Pola súa parte, o primeiro ministro británico, Anthony Blair, cualificou a decisión do IRA como "un paso de amplitude xamais vista", un día "en que a paz substitúe á guerra".

Tamén o primeiro ministro irlandés, Bertie Ahern, expresou a súa satisfación polo anuncio do IRA. "Doulle a benvida ao compromiso do IRA de acabar coa súa campaña armada, completar o proceso de decomiso e empregar exclusivamente métodos pacíficos", afirmou Ahern, subliñando qie "a fin do IRA como organización paramilitar é o resultado polo que os gobernos británico e irlandés estiveron traballando desde o cesamento das actividades militares en 1994". "Se as palabras do IRA son seguidas por accións verificadas, estamos diante dun acontecemento histórico", destacou o primeiro ministro e engadiu que "iste é un país fachendoso, seguro de si mesmo e moderno. Creo que podemos esperar un futuro de paz e prosperidade, baseado na confianza mutua e a reconciliación".

  • Anteriores: O IRA anuncia que abandona a loita armada
  • Texto do comunicado do IRA en galego e en inglés
  • Máis información en Irish Times


  • Ligazóns

    0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: