Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
INTERNET SEN FÍOS

Fene proba a tecnoloxía Wimax

Acceder a internet de banda larga naquelas zonas a onde non chega o cabo seguramente se converta nunha realidade en moi pouco tempo. Esta mañá presentouse no concello de Fene un proxecto piloto para a conexión á rede mediante a tecnoloxía Wimax, que emprega sinais de radio para transmitir os datos. A diferenza do wi-fi, que xa está moi estendido, o Wimax garante un acceso a internet máis fiábel, a maior velocidade e máis lonxe.

- 15:23 27/07/2005
Tags:

O operador galego R é o encargado de desenvolver a parte técnica do proxecto logo de gañar un concurso convocado pola Deputación da Coruña. A experiencia desenvólvese tamén nos concellos de Ames e Miño anque con tecnoloxías diferentes. O obxectivo que se persegue é o de ver cal dá mellores resultados e saber tamén cal é a demanda real do servizo.

Segundo os expertos, o Wimax é o futuro cando se fala dun acceso a internet sen fíos e cunha mobilidade absoluta nunha área determinada. O wi-fi demostrou que era unha opción barata e viábel para montar pequenas redes na casa ou entre edificios próximos, pero as súas prestazóns son moi limitadas e non dán bos resultados máis aló duns centos de metros. O Wimax ten case dez veces máis capacidade e é eficaz incluso a quilómetros de distancia entre a antena principal de acceso e o módem que cadaquén teña na casa.

A proba máis gráfica do funcionamento do sistema veuse esta mañá en Fene. A empresa R colocou unha antena nun monte situado a uns cinco quilómetros do centro urbano desde o que se prové de acceso a unha grande área do concello. Cun módem especial Wimax calquera pode conectarse á rede cunha calidade excelente. De feito, nalgúns puntos chéganse a taxas de transferencia de datos de ata 2mb e en ningun lugar da área de cobertura se baixan dos 256 k, incluso movéndose dentro dun vehículo. O mesmo ca unha ADSL pero sen fíos e cunha mobilidade absoluta.

De momento esta é unha experiencia piloto que tenta dilucidar se a tecnoloxía é fiábel e se hai demanda por parte dos usuarios. O proxecto durará seis meses e nel participarán varios veciños do rural e do casco urbano. Antes deberán solicitalo no Concello e despois pasar por un sorteo. Se a experiencia sae ben e é rendíbel, o servizo de acceso a internet con tecnoloxía Wimax pasaría ser indefinido.

A Deputación é quen finanza o proxecto tanto en Fene como nos outros dous concellos -Ames e Miño- onde tamén se están a probar outras opcións de conexión sen fíos. Pablo Villamar, responsábel da área de promoción económica indicou que a experiencia neste campo significa "estar no futuro en infraestruturas". Pola súa banda, a deputada Raquel Jabares expresou que o estudo que se está a desenvolver é unha "aposta pola sociedade da información".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: