Fraga Iribarne entregou esta mañá as Medallas Castelao 2005 no que foi o primeiro dos actos públicos nos que participou despois de perder a maioría absoluta que lle permitiu gobernar a Xunta nos últimos 16 anos. Entre os galardoados da edición deste ano destacan a conselleira de Asuntos Sociais, María Xosé Cimadevila, a título póstumo; o editor de La Región Internacional, José Luis Outeiriño, o empresario Manuel Jove e o presidente do PEN Club de Galiza, Luís González Tosar.
Serán recoñecidos tamén coa Medalla Castelao este ano a Catedrática Emérita da Área de Construcións Arquitectónicas da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, María Milagros Rey Hombre, primeira arquitecta que houbo en Galiza; Natasha Vázquez Ruiz, Rigoberto Senarega Madruga e Ernesto Daranas Serrano, cineastas cubanos de ascendencia galega que conforman a produtora AS Vídeo, que vén realizando diferentes documentais relacionados coa emigración e o que fora reitor da Universidade de Santiago entre os anos 1994 e 2002, Darío Villanueva Prieto.