Un dos países máis pobres do continente africano, a ex-colonia portuguesa da Guiné Bissau, escolle este domingo un presidente para rematar coa longa traxectoria de inestabilidade deste estado de millón e medio de habitantes. Os candidatos principais son o presidente actual Malam Sanhã e os ex-presidentes Kumba Ialá e Bernardo 'Nino' Vieira.
As presidenciais deste domingo son unha grande oportunidade para Guinea-Bissau de pórlle fin a unha longa década de inestabilidade política. O ex-presidente Kumba Ialá, que os observadores internacionais ven como o principal elemento distorsionador da campaña, foi perdendo fol nos últimos meses grazas á calma instaurada polo presidente Rosa e polo primeiro ministro Sanhã. Ialá, que fora democraticamente elixido, perdeu o poder en setembro de 2003 como consecuencia dun golpe de estado militar logo de emprender unha atolada carreira cara ao autoritarismo. Ialá reivindícase coma o lexítimo xefe de estado e aínda o mes pasado tentou ocupar o pazo presidencial, pero tivo que desistir diante das protestas populares e do clamor da comunidade internacional. Porén, as sondaxes apuntan que Ialá será só o terceiro, logo de Sanhã, gran favorito, e de João Bernardo 'Nino' Vieira.
Sanhã caeu derrotado nas últimas presidenciais democráticas, en 1999, por Ialá, e é o xefe do goberno de transición que reintroduciu este estado da costa occidental africana no marco dos dereitos humanos e a estabilidade política e económica. Os apoios internacionais de Sanhã xogan ao seu favor entre o electorado, que teme un illamento coma o acontecido durante a época de Ialá.
João Bernardo 'Nino' Vieira, o segundo candidato con posibilidades, chegou por primeira vez ao goberno en 1980, mediante un golpe de estado militar, e quince anos despois venceu a Ialá nas primeiras e apertadas eleccións democráticas, pero o seu goberno conduciu a unha situación de práctica guerra civil con invasión das tropas senegalesas. En 1999 perdeu o poder e exiliouse a Portugal.
As eleccións moveron un gran despregamento de forzas de pacificación no territorio guineano. A ECOWAS, a comunidade económica da África Occidental, anunciou a través do seu presidente Mamadou Tanja que mirarán porque as eleccións sexan libres, transparentes e limpas. A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) desprazou xa 39 observadores internaciais e chegarán nas vindeiras horas unha trintena máis.