A lingüista Teresa Moure conta os seus libros por premios. Esta súa segunda novela, 'Herba moura', colleitou a 22ª edición do premio Xerais de novela, o máis importante da literatura galega, nunha emotiva gala celebrada na illa de San Simón. O premio Merlín obtívoo o noiés Ramón Carredano con 'Unha branca de cobre para Martiño', novela de aventuras ambientada na nao Santa María. A editorial facía na illa o seu vintecinco aniversario e rematou a cerimonia con fogos de artificio sobre a ría.
A idea da editorial era celebrar na illa de San Simón (Redondela) a entrega dos seus premios xa o ano pasado. O loito polos mariñeiros de Cesantes falecidos no afundimento do Bahía obrigou a adiar a localización ata este 2005, coincidindo co vixésimo quinto aniversario de Edicións Xerais. Á gala, a máis concorrida das celebradas ata o momento, asistiron unhas 300 persoas, que houberon de cruzar na lancha dende o embarcadoiro de Cesantes ata a tranquila illa no fondo da ría viguesa. Durante os discursos non faltaron alusións ao poema de Meendiño, onde aparecía xa citada a illa, e unha reivindicación da memoria dos falecidos na illa, tanto na época en que foi leprosería como cando foi prisión para republicanos: algúns cálculos apuntan a que ata 600 persoas puideron quedar para sempre na illa por defender a constitución republicana.
O premio de novela, que chegaba á súa 22ª edición, levouno a lingüista Teresa Moure, que xa viña de gañar nos últimos meses o Ramón Piñeiro de ensaio e o Lueiro Rey de novela breve. A súa primeira novela longa, 'Herba moura', pretende reivindicar a perspectiva das mulleres e o seu saber. A través das reflexións e apuntamentos de tres delas, a raíña Cristina de Suecia, a botánica Hélène Jans, e unha galega contemporánea, Moure analiza a racionalidade do filósofo francés Descartes e como se foi transmitindo ao longo da historia unha visión masculinista do ser humano.
O gañador do 20º premio Merlín de literatura infantil e xuvenil foi o empregado de banca Ramón Carredano. A súa, 'Unha branca de cobre para Martiño', é unha novela de aventuras que se desenvolve a bordo da nao Santa María, cando os grumetes a fan embarrancar na costa haitiana durante a celebración da Noiteboa de 1492. Carredano, bo coñecedor da temática dos descubrimentos e da navegación, quixo facer unha novela sobre valores universais como a amizade ou o soño. Ramón Carredano xa ten publicado algún libro dirixido a público xuvenil, como 'A unlla da aguia'.
Durante a cerimonia tamén se entregou o premio á Cooperación ao labor editorial, que nesta edición 2005 valorou o esforzo de dous clubes de lectores a prol da difusión do libro galego: dunha banda Círculo de Lectores, que dende 1980 leva vendidos 300.000 exemplares de libros galegos, e mais o máis recente Biblos Clube de Lectores, cun catálogo onde o galego é a lingua dominante.