Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
5.000 MARIÑEIROS NON PODERÁN IR ÁS URNAS

Proba piloto do voto electrónico dende o Gran Sol

A tripulación do pesqueiro galego "Nuevo Laredo", que zarpa hoxe para os caladoiros do Gran Sol, será a protagonista dunha experiencia única ata agora que lle permitirá exercer o seu dereito a voto dende alta mar, mediante un sistema de sufraxio electrónico que aínda non dispón de validez legal.

- 09:02 11/06/2005
Tags:

En Galiza, entre 5.000 e 6.000 mariñeiros, sobre todo traballadores en buques de pesca de altura, terán o problema de non poder acudiren ás urnas ao atopárense embarcados e sen posibilidade de accederen a porto antes da data dos comicios autonómicos.

O conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, presentou o proxecto de voto electrónico, aprobado o 2 de xuño pola xunta electoral central, como primeiro paso cara unha futura modificación da lexislación electoral que garanta este dereito a todas aquelas persoas que, por determinadas circunstancias, no poden acudiren ás urnas de forma presencial.

Pese a que nesta ocasión só se trata dunha experiencia piloto sen validez legal, o vernes 17 de xuño os mariñeiros do "Nuevo Laredo", xunto con emigrantes en Montevideo (Uruguai) e con algúns santiagueses probarán o novo dispositivo para exercer o voto electrónico e comprobar que en futuros comicios este sistema poderá ser utilizado.


0/5 (0 votos)