A produtora Filmax e todos os principais xornais do país, agás La Voz de Galicia, proxectan concorrer unidos ao concurso para optar a unha das dúas licenzas de Televisión Dixital Terrestre (TDT) de carácter privado que convoca a Xunta. O presidente de Filmax Entertainment, Julio Fernández, presentoulle a Fraga esta iniciativa e salientou que a dimensión desta plataforma permítiríalle producir "practicamente todos os contidos" da nova canle dixital. Fernández recoñeceu que non obtivo "ningunha resposta concreta" por parte de Fraga, pero que a súa proposta "é incontestábel". Os grupos de comunicación que formarían esta plataforma son o Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Progreso, La Región e El Ideal Gallego.