A Federación Ecoloxista Galega (FEG), formada por 26 asociacións de defensa ambiental, demanda un plano integral de recuperación do río Miño e considera de escasa utilidade o ascensor para peixes que Unión FENOSA vai instalar no encoro hidroeléctrico de Frieira, mesmo no caso de que presente algunha efectividade. O encoro de Frieira é o último dos cinco situados no río Miño.
De nada servirá que se permita o ascenso da fauna piscícola migradora (salmón, reo, anguia,...) en Frieira se río arriba a cunca do Miño-Sil está ateigada de aproveitamentos hidroeléctricos sen pasos piscícolas. Por non falar da degradación dos hábitats e da calidade das augas. No mellor dos casos, se os peixes que franqueasen Frieira chegasen a desovar e producisen descendencia, a probabilidade de que descendesen a través das turbinas da central hidroeléctrica de Frieira é alta, coa consiguinte mortandade, que se situaría entre un 10 e un 50%, chegando ao 100% en caso extremos.
Sen un plano integral de recuperación do río Miño que inclúa ás áreas de cría e os hábitats de xuvenís e adultos non será posíbel atinxir a recuperación parcial das poboacións das especies piscícolas migradoras. O ascensor de Frieira é unha medida destinada máis a lavar a imaxe de Unión FENOSA e dunha Administración autonómica débil e permisiva que a conseguir unha mellora real da precaria situación das especies piscícolas migradoras no noso país.
A FEG considera inaceptábel que as Administracións galega e europea destinen parte dos seus escasos fondos para a conservación do medio natural a subvencionar a unha empresa privada que obtén elevados beneficios económicos a adopción dunha medida correctora que, a xuízo da FEG, a lexislación xa esixía cando se proxectou e construiu o encoro de Frieira (artigo 3 sobre obstáculos, pasos e escalas da Lei de Pesca Fluvial de 20 de febreiro de 1942, vixente nese momento).
A Federación Ecoloxista tamén quere salientar que o impacto negativo do encoro de Frieira sobre a fauna piscícola tamén se produce augas abaixo do muro da presa. Colectivos integrados na FEG veñen denunciando desde 1992 a mortandade de camas de freza de salmón no río Miño augas abaixo de Frieira, como consecuencia dos cambios bruscos e reiterados de caudais orixinados polos ciclos de apertura e peche das turbinas da central.