Este venres, 22 de abril, ás 20:00 h. terá lugar no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco a conferencia titulada "O casco vello na historia do Barco", a cargo do historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez. O acto forma parte das xornadas "Cascos antigos e identidade local" coas que a asociación veciñal Porto da Barca pretende chamar a atención sobre a problemática actual do casco antigo e as actuacións necesarias para a súa posta en valor. O poñente, especialista na historia comarcal, ofrecerá unha panorámica sobre a formación do núcleo orixinal do Barco e a evolución do mesmo nas diversas conxunturas históricas, así como das actividades económicas e sociais que se asentaron nel e que configuraron as súas particularidades.