O xuíz do contencioso administrativo da Coruña anulou o pleno do concello coruñés no que se situaba como oficial a denominación bilingüe da cidade. Desta forma, e a falta de que o concello poida presentar un recurso contra esta decisión xudicial, o topónimo oficial terá unicamente a súa forma en galego. Paralelamente, Francisco Vázquez apuntou que o PSdeG apoiaría unha reforma da lei de Normalización lingüística para que se admitise a opción dos concellos de estabelecer o seu nome oficial, algo que o seu secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, matizou asegurando que non existía unha postura defiitiva.
O xulgado do contencioso administrativo número 3 da Coruña suspendeu o acordo plenario do Concello polo que se aprobaba a forma bilingüe A Coruña - La Coruña como oficial da cidade. A decisión da xustiza responde o recurso presentado pola Consellaría de Xustiza, e onde se sinalaba que só a Xunta ten competencias para a fixación da toponimia de Galiza. O xuíz, Fernando Fernández Leiceaga, entende que o acordo do pleno é "nulo de pleno dereito", sinala que a fixación do topónimo é xa unha vía resolta e que o concello esgotou todas as vías de recurso. A sentenza sinala que os intereses que tutela a Xunta son superiores aos do concello e acusa o goberno da cidade de actuar en rebeldía: "O acordo municipal non pode considerarse de forma illada, senón dentro do que é unha opción política, rebelde ao cumprimento das leis e as sentenzas".
Agora ábrense dúas posibilidades: dunha banda, o recurso do Concello coruñés a esta sentenza do contencioso administrativo, e doutra, que prosperase unha reforma da Lei de Normalización que lle retirase á Xunta as plenas competencias para fixar a toponimia de Galiza. O Concello non se pronunciou aínda sobre recorrer a sentenza, porque "non ten coñecemento oficial da sentenza".
En relación coa posibilidade de reforma lexislativa, o alcalde coruñés Francisco Vázquez, comunicoulles a dous conselleiros que os socialistas galegos non se oporían a unha iniciativa dos populares nese sentido. Vázquez dixo ter o compromiso de Fraga para que prosperase, así como a garantía de que os parlamentarios do PSdeG non votarían en contra e, en último caso, que optarían pola abstención. Pero o secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, matizou que non existe un compromiso definitivo nesta cuestión.