Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FENDA DIXITAL

A banda larga asoma ao rural galego

Un total de 311 dos 315 concellos galegos precisan rabuñar investimento do plan para a extensión da banda larga para zonas rurais promovido polo ministerio de Industria para garantir o acceso dos cidadáns á sociedade da información, que este mércores entra en vigor. Os obstáculos tecnolóxicos aféctanlle a máis de medio millón de veciños do rural galego, convertindo a Galiza, a pé de Andalucía, na comunidade onde máis persoas teñen agora mesmo imposibilitado o acceso á internet de alta velocidade.

- 09:39 23/03/2005
Tags:

Lembrámoslles que o pasado mes de febreiro, o secretario de Estado de Telecomunicacións adiantara que o goberno non consideraba a banda larga unha infraestrutura básica da que debera asegurar o fornecemento ao 100% dos cidadáns. Así, Francisco Ros opinaba daquela que "non ten sentido levar redes a onde o cidadán non está disposto a usar nin necesite a banda larga".

Poucos días despois, e fronte á polémica aberta por estas declaracións, o ministerio de Industria presentaba
un plan para estender a banda larga, do que se avanzaba, permitiría levar a alta velocidade a máis do 90% dos concellos galegos. Xa que logo, os fondos europeos do programa FEDER da UE servirán finalmente para o financiamento desta iniciativa nas comunidades incluídas coma "Obxectivo 1".

O programa para a "banda larga en zonas rurais e illadas" que agora se publica complementará ademais as propias accións desenvolvidas a nivel rexional, os programas de "internet rural" e a campaña "Todos en internet". O proxecto baséase na concesión de axudas aos operadores de telecomunicacións, que financiarán infraestruturas e equipamentos que garantan a dispoñibilidade do servizo en toda a xeografía galega. As subvencións non estarán condicionadas a solucións tecnolóxicas determinadas, polo que poderá aplicarse en cada caso a que se considere máis axeitada. A través da Federación Estatal de Municipios e Provincias, os concellos poderán avaliar as estratexias e o proceso de aplicación.

Lembrámoslles que unha vez que a posibilidade do acceso estea garantida, queda por solucionar a baixa taxa de penetración das conexións de alta velocidade, estatística na que Galiza, a case tres puntos da media estatal, é pechacancelas só un chisco por riba de Castela A Mancha, Castela León e Estremadura.


Ligazóns

0/5 (0 votos)