Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
LOGO DO PROXECTO DE GOOGLE NOS EEUU

Francia promove a "biblioteca virtual europea"

A defensa do espazo lingüístico francés en internet parecía explicar a polémica xurdida inicialmente en Francia logo de coñecerse a iniciativa de Google para ofrecer electronicamente os fondos de varias bibliotecas estadounidenses. Coa inercia das declaracións do director da Biblioteca Nacional sobre o camiño cara a hexemonía cultural anglosaxona na rede, o propio presidente Chirac autorizaba un proxecto paralelo de dixitalización dos fondos biliográficos franceses. Agora a idea é ir máis aló e buscar a colaboración europea no proxecto.

- 13:08 22/03/2005
Tags:

Segundo a idea francesa, o reforzo da identidade europea debe pasar necesariamente pola aposta por unha presenza significativa na rede. Nesa liña, propoñen un programa de dixitalización masiva de libros procedentes dos fondos das grandes bibliotecas europeas que poidan ser consultados de balde en internet.

Varios páises europeos están integrados xa nun proxecto de dixitalización de patrimonio cultural e con esta fin, o ministro francés de Cultura vai propoñer na xuntanza que terán a comezos de abril a redifinición desta idea, con eivas de coordinación e ata agora dependente do nivel de compromiso de cada Estado, para convertela no agromo dunha alternativa real á iniciativa do xigante Google.

Lembrámoslles que a e-biblioteca mundial que deseña Google, quere dixitalizar ata sete millóns de libros nun prazo de seis anos, sendo o proxecto para levar á rede os contidos da biblioteca da Universidade de Michigan a iniciativa máis ambiciosa dun plan que por agora inclúe tamén acordos coas universidades de Harvard, Stanford, Oxford e coa Biblioteca Pública de Nova York.


Ligazóns

0/5 (0 votos)