Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"OUTRA DIFICULTADE" PARA A INCORPORACIÓN AO AGRO DOS MOZOS

O SLG pide que se paralice o proxecto de fomento de forestación de terras agrarias

"O desenvolvemento desta nova lei suporá un atranco insalvábel para miles de explotacións agropecuarias en Galiza e dificultará máis aínda a incorporación de xente nova ao agro", afirman dende o Sindicato Labrego Galego, logo de presentarlle solicitude formal á Consellería de Medio Ambiente que retire esta norma.

- 07:59 17/03/2005
Tags:

Segundo as cifras do SLG, a superficie agraria útil en Galiza non pasaría agora mesmo do 15%, por baixo do 22% de hai cinco anos, e da porcentaxe media do 51% a nivel estatal. O sindicato subliña que dispor de terra "é fundamental para manter a actividade agraria e gandeira en calquera país que queira acadar un nivel de desenvolvemento axeitado" e lembra que no espazo europeo "ningún estado está a superficie agraria útil por debaixo do 40%".

Na opinión do SLG, esta situación frea o desenvolvemento do agro galego, condicionando que as explotacións non acaden dimensións axeitadas, non poidan reducir a carga gandeira e " vense na obriga de depender fortemente das empresas de alimentación animal". Ao tempo dificultan que os mozos que queiran incorporarse á actividade agraria poidan acceder a terras.

Ao respecto, o Sindicato Labrego asegura que Galiza non precisa seguir fomentando a forestación de terras agrarias e "pola contra, precisa todo o contrario: recuperar terras aptas para a actividade agrogandeira que na actualidade están forestadas" e denuncia que a Xunta ten levado adiante nos últimos anos "unha política moi agresiva de forestación de terras agrarias que provocou que, a día de hoxe, en calquera informe sobre a actividade agraria ou sobre o medio rural apareza a diminución de superficie agraria útil como un problema grave".

Á beira, o SLG propón que os cartos que se ían empregar neste plan de forestación de terras agrarias se usen para "o pagamento do volume total das indemnizacións compensatorias para zonas desfavorecidas e de montaña, das que depende a viabilidade económica de moitas explotacións galegas, e nas medidas agroambientais".


5/5 (1 votos)