Domingo 20 de marzal, na aldea de Meiro, Bueu, volve a se celebrar a Festa do Millo Corvo, caste de millo propia da zona. Outravolta actuacións de grupos folc, degustación de produtos elaborados coa fariña deste millo e visitas guiadas ao muíño centrarán as actividades a desenvolver ao longo de toda a xornada, organizadas pola Asociación Cultural de Meiro.
As actividades lévanse desenvolvendo todo o ano, seguindo o ciclo tradicional dende a sementeira ate a muiñada e coción do pan e mesmo estes días rapaces de colexios da bisbarra, de centros públicos de Moaña, Cangas e Bueu, veñen colaborando e aprendendo coas actividades.
Para esta fin de semana de marzo, a Asociación Socio-Cultural e Deportiva de Meiro, ten previsto moer dende a noitiña do venres 18 no muíño da Presa e o domingo 20 desenvolver unha serie de actividades ao longo de toda a xornada: presentación dun novo número d'A Lingua do Corvo, visitas ao muíño, actuacións musicais, conferencias e, loxicamente, degustación de produtos elaborados a partir desta caste de millo.