O Museo do Humor de Fene vén de facer públicas as bases dos Premios Curuxa 2005. Estes galardóns distinguen cada ano aos mellores debuxos relacionados co eido do humor. Ademais, como en anteriores convocatorias, haberá un espazo para os medios de comunicación, unha Cuxa de Honra e unha Curuxa de Barro. En 2004 optaron aos Premios Curuxa artistas procedentes de 38 países.
O vindeiro 23 de abril rematará o prazo establecido para a presentación de traballos aos Premios Curuxa. O Museo do Humor de Fene convoca un ano máis estes galardóns ao humor, que chegan xa á súa XVI edición. Na edición de 2004 optaron á distinción máis de 250 debuxos, procedentes de 38 países diferentes.
Segundo apuntan as bases do certame, que veñen de ser publicadas, establécese un único premio para o mellor debuxo presentado. Este consistirá nunha Curuxa do Humor, deseñada por Fco. Xosé Pérez Porto, e un premio en metálico de 1.502,5 euros. O Museo correrá ademais cos gastos de desprazamento e estadía de tres días para o gañador. A Curuxa Gráfica 2004 recaeu en por unanimidade en Cau Gómez, de Brasil.
O mesmo que en anos anteriores haberá unha distinción para un medio de comunicación, xornalista ou escritor especialmente vencellado ao humor. Esta Curuxa aos Medios, sen dotación económica, foi o pasado ano para a revista electrónica Tebeosfera e A Peneira, que edita quincenalmente o suplemento de humor O Farelo.
A Curuxa de Honra, sen dotación económica, premiará a traxectoria dunha persoa ou entidade caracterizada por desenvolver unha traxectoria vital en prol do humor. A Plataforma Nunca Máis recibiu o premio en 2004, por facer uso do humor en todas as súas actividades.
Xosé Ramón Gaioso, grazas á súa "aposta polo humor", obtivo na XV edición dos premios a Curuxa de Barro. Este galardón distingue a defensa de valores que o Museo do Humor quixera ver desterrados.
O fallo do xurado desta XVI edición darase a coñecer con antelación ás Xornadas do Humor, que terán lugar os días 11 e 12 de xuño de 2005.