Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CORREDOR DE FISTERRA

A 'chatarra nuclear' e as costas galegas

O Bloque Nacionalista Galego vai centrar as súas próximas intervencións parlamentarias nas Cortes do estado en solicitar o establecemento das medidas necesarias para que Galiza deixe de estar exposta ao perigo que supón o tráfico marítimo de lixo nuclear fronte á súa costa. Así o sinalaron durante a fin de semana o candidato do BNG ás eleccións autonómicas, Anxo Quintana, e o representante do partido no Parlamento español, Francisco Rodríguez.

- 12:01 07/02/2005
Tags:

Coa chegada do submariño nuclear Sceptre a Xibraltar quedou en evidencia, tal e como apunta Anxo Quintana, "a indefensión de Galiza" ante o tráfico marítimo das súas costas debido á carga de "chatarra nuclear que soporta o corredor do Atlántico". A situación, segundo o BNG, non difire da que existía cando se produciu o desastre do Prestige e por iso dende a formación nacionalista se lle presentarán ao goberno español diversas iniciativas que deben adoptarse para paliar a desprotección da costa galega..

Anxo Quintana tamén sinalou que o Tratado para unha Constitución europea "segue a primar os intereses de mercado fronte aos intereses ambientais", un factor máis polo que se fai necesaria unha resposta negativa no referendo do 20 de febreiro, segundo a formación nacionalista.

Pola súa banda, o parlamentario Francisco Rodríguez, que pedirá o transpaso das competencias de seguridade mariña para Galiza, sinalou que outra das solicitudes do BNG no parlamento español será a de que comparezan os ministros Magdalena Álvarez e Miguel Ángel Moratinos para explicaren se o goberno español realizará algunha acción destinada a impedir o paso doutros submariños nucleares polo corredor fisterrán.

Nesta dirección o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero anunciou que levará a cabo a revisión do Plan de Continxencias por Contaminación, elaborado pola Organización Marítima Internacional, e que se centra na regulamentación referida aos verquidos realizados por buques con materiais contaminantes. Segundo o goberno español, este plano necesita dunha actualización, que os socialista queren levar a cabo en coordinación cos gobernos autónomos costeiros, as autoridades portuarias, etc.


0/5 (0 votos)