Fagamos memoria. O días de Reis de 2004 tróuxolle a Ramón Ares o agasallo que viña esperando desde que perdera a "súa" alcaldía de Sada nas eleccións municipais de xuño de 2003. O concelleiro do PSdeG, José Luís Santamaría, anunciaba que rompería o pacto co BNG, o que deixaba ao alcalde nacionalista Abel López en minoría. O 19 de xaneiro, Moncho Ares recuperaba a alcaldía de Sada despois dunha tumultuosa moción de censura. Milleiros de veciños manifestáranse nas rúas contra o transfuguismo. Unha situación que durante o ano se repetiu nos concellos de Baiona, Verín, Ponteareas e Bueu, onde as alcaldías cambiaron de mans pola aprobación de mocións de censura. Pero as rifas nos concellos galegos non acabaron aquí. Lembran ao outro Ares, o alcalde de Toques?
Jesús Ares petou na mesa e dixo: 'o alcalde segue'. O rexedor de Toques anunciou a finais de xaneiro que non deixará o seu cargo e que dará "o seu sangue" pola vila mentres non se resolva o recurso que presentou contra a sentencia que o condena por abusos sexuais a unha menor. Ares continúa coa transfusión sangüínea, porque, a pesar da condena, segue no seu cargo un ano despois. De feito, o propio Fraga só condenou a actitude do alcalde de Toques "por imperativo parlamentario". O presidente da Xunta foi quen de negarlle a posibilidade da crítica a aqueles que "defenden o amor libre, a despenalización do aborto e as parellas de feito".
Máis alá das rifas municipais, o líder de ERC, Josep Lluís Carod Rovira foi o protagonista da última semana do primeiro mes do ano. A filtración, publicada no ABC, dunha xuntanza de Carod coa dirección de ETA, causou un terremoto político que fixo tremer ao propio tripartito catalán. De feito, Carod deixou o seu cargo de conseller en cap e dedicouse a preparar as eleccións do 14-M. ERC conseguiu un éxito histórico: pasou de 1 a 8 deputados no Congreso.
E unha última noticia destacada. A comisión temporal do Prestige no europarlamento escoitou a voz de Nunca Máis. Unha delegación da plataforma cidadá acudiu a Bruxelas apoiar a intervención do profesor da facultade de económicas da USC, Xabier Vence, como representante de Nunca Máis diante da comisión. Os eurodeputados de todos os grupos, agás o PP, acollérona non só con cortesía parlamentaria senón con entusiasmo. Como recollíamos desde Bruxelas, só así se poden entender as palabras de Dirk Sterckx, deputado do grupo liberal e autor do relatorio sobre o Prestige na comisión de Transportes, que cualificou a Nunca Máis como "movemento cidadá exemplar" e recomendou a todos "repetir todos os días cando menos dúas veces Nunca Máis". Algunhas das propostas de Nunca Máis sobre seguridade marítima foron recollidas nas conclusións da comisión que aprobou o pleno do europarlamento.
NOTICIAS
Moción de censura en Sada